O BNG pide ao PP que cumpra a Lei e garanta o ensino de portugués en todos os centros educativos

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Estremadura supera os 6.049 estudantes mentres que en Galiza, tras catro anos de ser a probada a Lei Paz Andrade, son 2.100. A deputada Olalla Rodil pediu convocar prazas de profesorado de portugués nas vindeiras oposicións do 2018

A portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil reclamou no Parlamento galego dotar de profesorado de portugués os centros de ensino regrado e reclamou a convocatoria de prazas no proceso selectivo do 2018.

A parlamentaria esixiu ao Partido popular que cumpra a Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía   que recolle a “obriga” da Xunta a incorporar de “maneira progresiva” a aprendizaxe do portugués no ensino regrado.

A deputada explicou no  curso 2014/2015 eran 32 os centros que impartían esta materia optativa con  900 estudantes. No  2015/2016: 55 centros e 1.600 estudantes e no curso  2016/2017: 59 centros e 2.149 estudantes. Os datos, afirmou,  constatan o aumento pero só é un  “1,4%  do estudantado” despois de terse aprobado a lei. Rodil acusou a Xunta de “compromiso nulo” tras comparar a situación galega con outros territorios que  desenvolven unha estratexia de incorporación da aprendizaxe do portugués. A nacionalista puxo como exemplo  Estremadura que durante catro anos  impartía portugués como materia optativa ao dobre de estudantes que Galiza no mesmo período de tempo e  no curso 2016/2017 xa eran  6.049 estudantes de portugués en Estremadura como 2ª ou 3ª lingua estranxeira. “Nese mesmo curso académico  académico  en  Galiza tivemos algo máis   de 2.100 estudantes”.

Nesta liña, a nacionalista  pediu convocar prazas de profesorado de portugués nas oposicións do ano 2018, “en condicións de igualdade coas demais linguas estranxeiras que se imparten en Galiza”.

 O Partido popular votou en contra das peticións do BNG

Trala intervención do portavoz do Partido popular, Cesar Manuel Fernández que defendeu os criterios da consellería de  Educación  nesta materia e anunciou o voto en contra á proposta do BNG,  a nacionalista replicou que, “ non existe a progresividade” tendo en conta que a oferta en catro anos é do  1,4% polo que preguntou cando chegaremos polo menos ao 50%.

Por outra parte, tamén criticou a “falta de prazos temporais ” para o cumprimento da lei, o que ao seu entender, fai sospeitar que o Partido popular non ten intención de fixalos  para non facer efectiva a progresividade do portugués no ensino. Vostedes, dixo, estenden os prazos como “un chicle” que está  en función dos seus intereses

Finalmente, Rodil insistiu en que grazas ao voluntariado do profesorado  en lingua galega que imparten clases de portugués nas horas libres ofertase esta materia o que para a deputada resulta “lamentable”. Igual que se buscan profesionais para impartir  inglés, francés e outras linguas estranxeiras, as clases de portugués “non poden recaer no voluntarismo”, reiterou polo que volveu reclamar dotar de profesorado desta materia no ensino regrado e convocar prazas nas vindeiras oposicións do 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG