O BNG pide ao goberno de Feixóo que rectifique porque está provocando un “tsunami” na sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado

Prado advirte que @s profesionais veñen de contestar á comparecencia de Almuíña con re-dimisións e co anuncio de folga en atención primaria

A portavoz de sanidade, Montse Prado, pediu ao Goberno do PP que rectifique porque está xerando un cataclismo na sanidade pública até o punto de que a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento foi contestada con novas dimisións e co anuncio de folga en atención primaria para os días 9,10 e 11 de abril por medio da convocatoria da Coordinadora galega de atención primaria.

“Dilatan dar unha solución e non toman nota perdendo unha oportunidade de rectificar a tempo antes de ter que facelo pola vía dos feitos, porque se está xerando un auténtico tsunami aí fora que lle vai obrigar a rectificar si ou si”, salientou Prado.

“Re-dimiten os xefes e xefas de atención primaria da área sanitaria de Vigo porque as medidas que propón non solucionan o problema de sobrecarga asistencial”, denuncia a deputada e, ao mesmo tempo, anuncian a convocatoria de folga, “unha clara mensaxe de rexeitamento” ao plan da Xunta, porque nin atende as demandas dos e das profesionais nin soluciona os problemas na sanidade pública, en particular, en atención primaria.

“Hai unha folga anunciada porque o que di o conselleiro non contenta a ninguén e reclaman medidas como as que o BNG trae ao Parlamento e que o PP vota sistematicamente en contra. Iso non é tomar nota”, salientou Prado.

Pese á emenda á totalidade que os profesionais están facendo ao conselleiro de Sanidade, o PP volveu vetar as propostas presentadas polo Bloque empezando por dotar de 200 millóns adicionais de urxencia á atención primaria, “onde o recorte acumulado en dez anos de Goberno de Feixóo é de 2.000 millóns de euros”.

Igualmente,  os populares rexeitaron convocar todas as prazas vacantes no SERGAS, recuperar as xerencias en atención primaria con autonomía real e orzamentos, cubrir todas as substitucións, dotar de máis persoal e medios os PACs e máis persoal especializado e de pediatría.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG