O BNG participa como observador no xuízo ao líder curdo do HDP no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Ana Miranda presidente e deputada HDP
Ana Miranda presidente e deputada HDP
Ana Miranda acusa a Turquía de vulnerar a inmunidade parlamentaria de Demirtas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa como observadora na Delegación do Parlamento Europeo do xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, en prisión preventiva desde novembro de 2016, que se celebra no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. “Agardamos que se faga xustiza e se respecten os seus dereitos porque este é un ataque á pluralidade política”, salienta Miranda tras a vista.

Miranda subliña que non foi respectada a inmunidade parlamentaria de Demirtas nin a representatividade que tiña como líder do HDP como partido turco que. é a terceira forza política co 13% dos votos. Na xornada de hoxe, a portavoz do BNG en Europa mantivo un encontro co copresidente do HDP e diversas parlamentarias presentes na sesión, como Uca Feleknas, unha das líderes políticas referentes así como coa muller de Demirtas e os seus avogados.

Relación fluída

O Bloque mantén unha relación fluída cos colectivos e partidos defensores da autodeterminación e dos dereitos humanos do Curdistán, como é o caso do Partido Democrático dos Pobos (HDP), e xa no marco da súa participación na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía en decembro de 2018, mantivo un encontro co avogado, o irmán e a muller do líder curdo encarcerado, ademais de participar de observadora internacional no referéndum celebrado en Turquia no 2016.

Xa o ano pasado, o propio Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo pediu que Turquía puxera en liberdade ao copresidente deste partido curdo, ao considerar que a actitude de Turquía pon en perigo o sistema democrático vulnerando a liberdade de expresión e o pluralismo político con ataques e prisión para moitos electos do HDP, xornalistas e académicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG