O BNG oponse na Eurocámara a normas que vaian contras as competencias de pesca galegas

delegación Pesca 1
delegación Pesca 1

A eurodeputada Ana Miranda presentou emendas ao Regulamento de Control de Pesca nas que rexeita a colocación de cámaras nas pequenas embarcacións

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou emendas ao Regulamento do Control de Pesca comunitario co obxectivo de ofrecerlle máis protección ao sector da pesca artesanal galega. “Trátase dun sector fundamental para a nosa economía, que xera postos de traballo directos e indirectos, diante da modificación extrema que pretende facer Bruxelas da normativa de control e descartes e que suporía un golpe duro para o sector”, salienta.

Estas emendas ao Regulamento complementan as presentadas o pasado mes de outubro ao Fondo Marítimo Pesqueiro (FEMP) e que tamén ían encamiñadas a dar a máxima cobertura a pesca galega, con especial atención á pesca artesanal e ao marisqueo para que haxa finalmente, un trato específico para este sector.

Neste sentido, as emendas do BNG recollen a defensa das competencias propias, a exclusión da pesca artesanal das agresivas normas que propón a Comisión no Regulamento de control, igualando a todos os sectores de frota. “A instalación de cámaras nas embarcacións de baixura para vixiar o cumprimento do regulamento que prohibe os descartes conta cunha evidente falta de consenso no sector a respecto da posta en marcha desta iniciativa”, sinala Ana Miranda.

Ao respecto, Ana Miranda explica a complexidade de estabelecer este dispositivo nas embarcacións pequenas da frota pesqueira galega, que só na pesca artesanal está integrada por 4.000 embarcacións. Ademais a eurodeputada galega advirte da dificultade de aplicar o control en pesquerías multiespecíficas.

Simplificación dos trámites

A eurodeputada do Bloque defende que a frota de pesca artesanal ten que ter un tratamento particular, tamén no control, e exercido polas competencias propias galegas baseándose no principio de subsidiaridade. Reclama ademais, a necesidade de simplificar os trámites administrativos. “Cómpre cumprir as normas, máis tendo claro que os mariñeiros queren pescar xa que este é o seu oficio. Están para pescar e facer o seu traballo, e non para ser xestores administrativos”, sinala.

Miranda lembra a visita da delegación da pesca artesanal ao Parlamento Europeo e as súas declaracións sobre esta cuestións. “Cando trouxemos aos representantes da pesca artesanal galega á Eurocámara eles mesmos expresaron as súas dificultades para cumprir os trámites administrativos e cumprir os prazos pertinentes na petición de fondos europeos”, explica ao respecto.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG