O BNG non asiste á inauguración de “Castelao Maxistral” pola manipulación que fixo Feixó da súa vida e obra

Tralado da %22Derradeira leición do mestre%22
Tralado da "Derradeira leición do mestre"

O Grupo parlamentario do BNG trasladou ao servizo de protocolo da Xunta un escrito no que explica o motivo da decisión de non asistir á inauguración da exposición Castelao Maxistral, no Museo Gaiás, decisión coa que manifesta a súa protesta polo discurso do presidente da Xunta no acto de recepción da obra A derradeira lección do mestre.

“Un discurso que supuxo unha nova tentativa de ocultación e de censura da obra de Castelao, unha terxiversación da historia e unha ofensa a todas as vítimas do franquismo en Galiza”, recolle o escrito. A obra transcende o seu valor artístico e estivo ao servizo dunha causa: O combate ideolóxico contra o fascismo que naquela altura estaba a devastar o país”, alega o BNG.

“É unha obra dun enorme simbolismo por representar na figura do mestre a Alexandre Bóveda, a todos os homes e mulleres que foron vítimas do masacre fascista”, cuestión que foi obviada na intervención do xefe do Executivo galego, dando unha versión descafeinada da mensaxe do cadro.

O BNG reclama unha visión integral da obra de Castelao, “fronte ás versións mutiladas e censuradas que se impuxeron na ditadura franquista e que seguen vixentes en webs institucionais e nos discursos oficiais”. “Castelao foi un nacionalista galego, un deputado, ensaísta e artista nacionalista, que loitou coa palabra, coa pluma e co pincel para construír a República galega. Os actos de ocultación e censura supoñen unha  ingratitude, porque se hai recoñecemento de Galiza como nacionalidade histórica é en grande medida grazas a Castelao”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG