Imprimir

O BNG non acudirá á rolda de consultas con Felipe VI

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 05 de decembro de 2019

Executiva
Executiva

A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura de presidente do Goberno español. A decisión do BNG non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista, senón tamén de avaliar moi negativamente o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual. 

Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están a pór en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante nese proceso, especialmente contra as nacións que facemos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, -como é o de autodeterminación-, que como tales nos corresponden.

Ademais, resulta cada vez máis inxustificábel o mantemento dunha institución anacrónica como a monarquía, incompatíbel cun sistema que se queira democrático, en que a Xefatura do Estado debe ser electa polos cidadáns e cidadás.  Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso, español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco. 

É o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo. Por iso, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dunha Galiza con plena capacidade para decidir por si propia sobre os seus asuntos de maneira soberana como premisa para podermos construír un país novo, libre e próspero. 

Ese compromiso plásmase en que fronte a este Estado español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía, optamos por defender unha Galiza soberana e republicana.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-non-acudira-rolda-consultas-felipe-vi/20191205195424026084.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr