O BNG logra o apoio da Parlamento contra a deslocalización da planta de Ferroatlántica en Sabón

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas alertou sobre as consecuencias de deslocalizar unha produción que se nutre dos excepcionais recursos mineiros extraídos de Serrabal

O BNG logrou o apoio unánime do Parlamento para reclamar a Ferroatlántica que complete todo o ciclo produtivo de transformación do silicio na planta de Sabón no concello de Arteixo, mantendo todo o emprego, e desbote calquera pretensión de localización da produción que se abastece dos recursos mineiros extraídos de Serrabal.

En base a ese acordo o Parlamento “insta á Xunta a solicitar do grupo Ferrotlántica-Ferroglobe que todos os investimentos e postos de traballo derivados da fabricación en todas as súas fases de silicio solar teñan lugar en Galiza, atendendo ás concesións que actualmente ten outorgado este grupo empresarial sobre os nosos recursos minerais, así como a levar a cabo as actuacións necesarias para favorecer o peche do ciclo produtivo no noso país.”

Presas trasladou á Cámara o risco de deslocalización, “polo tanto falamos de postos de traballo, de investimentos e de industria, pero tamén falamos dunha cuestión estratéxica,  do modelo de desenvolvemento económico e de explotación de recursos naturais que queremos para o noso país”, indicou a portavoz de Industria, instando a evitar “que a nosa riqueza mineira sexa espoliada a cambio de nada ou de moi pouco”.

A deputada fixo referencia ás fortalezas para conxurar ese risco, “porque estamos ante un sector punteiro e de futuro grazas, nunha parte moi importante, á materia prima,  xa que Ferroatlántica obtén da mina de Serrabal un cuarzo de altísima calidade e silicio de grado solar moi valorado, que nutre a FerroSolar para a súa posterior transformación en pó de silicio cunha pureza próxima ao cen por cento, o que sitúa Galiza e á empresa na vangarda”.

“É a xoia da coroa”, sintetizou Presas, “e se o material está en Galiza e se Galiza paga o impacto ambiental,  o lóxico é que os postos de traballo continúen neste país”, e se poña fin dunha vez a pantasma da deslocalización,  “que sería contraria aos intereses de Galiza, que pasaría a ter unicamente o rol extractivo, pasaría a ser o buraco do que se obtén a materia prima excepcional, pero con cero valor engadido, o que daría ao traste coa posición punteira que ten Sabón e coa maior parte do emprego”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG