O BNG logra un acordo para excluír o uso de bombona na captura de longueirón por mergullo

Montse Prado
Montse Prado

Ínstase á Xunta a presentar alegacións ao Proxecto de Real Decreto para conseguir esta exclusión tal e como reclama o colectivo de recolectores

O BNG logrou un acordo unánime na Comisión parlamentaria de Pesca polo que se reclama ao Goberno da Xunta que presente alegacións ao Proxecto de Real Decreto da Actividade de Mergullo, co fin de conseguir que a captura de longueirón por mergullo quede excluída do uso obrigatorio de bombona e poda seguir realizándose con inmersión por apnea como até agora.

En concreto, a proposta presentada polo Bloque insta ao Executivo galego “a presentar alegacións ao Proxecto de Real Decreto polo que se determinan as condicións de seguridade das actividades de mergullo en augas marítimas españolas do 1 de febreiro, do ministerio de Fomento, de xeito que se preserve o dereito á extracción do longueirón en apnea, e a que non se lles afogue intentando aplicarlles aos recolectores os mesmos estándares de seguridade que ao mergullo profesional”.

“Non se teñen en consideración as peculiaridades dos plans aprobados pola Consellaría do Mar, que inclúe un número determinado de embarcacións e de permisos de explotación, consideracións que se deberían ter en conta ao elaborar as medidas de seguridade e non impoñer medidas individuais esixindo embarcacións de apoio, persoal ou tempos de inmersión sen ter en conta a realidade da actividade, nin deixar en mans do capitán marítimo a adecuación aos requisitos esixidos”, salientou a portavoz de Pesca, Montse Prado, durante a defensa da iniciativa.

Para a deputada, a normativa que elabora Fomento “mostra un total descoñecemento por parte da Administración do Estado de cales son as condicións de traballo dos recolectores de longueirón, de cal é a forma de vida e, unha vez máis, se regula costas á xente do mar, sen escoitar, sen ter en conta as especificidades nin as características propias do sector en Galiza”, salientou.

O BNG tamén reclamaba a transferencia das competencias en materia de mergullo, pero foi vetada polo PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG