O BNG leva ao pleno do Parlamento o peche do paridoiro do Hospital de Verín e o desmantelamento das urxencias pediátricas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
O BNG pedirá aos deputados e deputadas do Partido popular elixidos por Ourense  que voten a favor da proposición non de lei nacionalista contra a decisión de pechar o paridoiro

A viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil avanzou os asuntos que serán tratados no vindeiro pleno entre os que destacou, unha proposición non de lei do BNG contra a decisión do Goberno galego para  pechar o paridoiro do Hospital de Verín e desmantelar o servizo de urxencias pediátricas do centro. Neste sentido, afirmou que o BNG ofrecerá “unha segunda oportunidade a Feixóo para que rectifique”, oportunidade que estenderá aos deputados e deputadas de Ourense que discrepan da decisión.

Para a deputada, as voces cricas do PP son acertadas pero “non chegan as palabras e o  que realmente importan son os feitos”. A nacionalista, lembrou que as consecuencias do peche do servizo  terá graves consecuencias como aconteceu esta pasada madrugada ante a asistencia dun parto de urxencia que de non ser polo xefe de xinecoloxía, a crianza nacería nunha ambulancia. Pedímoslle á Xunta que “deixe de xogar coa saúde e os dereitos das mulleres”, afirmou Rodil.

Por outra banda, o BNG, a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará ao Presidente da Xunta sobre o proxecto impulsado pola ABANCA  para crear unha universidade privada. A xuízo da parlamentaria do BNG, “Galiza non precisa unha universidade ao servizo de ningún banco, o que necesita é que a Xunta defenda a universidade pública que leva soportando recortes durante dez anos”. O BNG preguntará a Feixóo por que se prega aos intereses dunha entidade financeira en vez de escoitar as demandas dos tres reitores das universidades públicas galegas.

O BNG tamén levará ao pleno a folga do ensino convocada por todas as organizacións sindicais  para reivindicar o horario lectivo. O BNG xa amosou o seu apoio ás demandas do profesorado galego e volverá a reiteralo a través dunha proposición non de lei para instar á Xunta a abrir un proceso de negociación coas forzas sindicais. O profesorado, explicou a deputada, “non pide traballar menos, pide máis tempo para atender ao alumnado con dislexia con TDAH, con adaptación curricular ou que non naceu en Galicia e necesita adaptación e aprendizaxe. Trátase pois  de “mellorar a calidade” do ensino e especialmente  público”.

Outro dos asuntos sobre o que preguntará o BNG é o referido ao informe do Consello de Europa sobre  a situación da lingua galega  e o grao de cumprimento da Carta europea de linguas minorizadas.  

Neste aspecto, asegurou Rodil, o  Consello de Europa é contundente: “A Xunta ten que derrogar, de maneira inmediata,  todas as limitacións legais que existen actualmente que impiden impartir docencia en galego e garantir os dereitos lingüísticos mesmo dende  o  ensino infantil”.

O decreto do plurilingüismo é unha “vulneración flagrante dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos” e as súas consecuencias están á vista como reflicte o último estudo do IGE: Un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego  e o 30% non sabe escribir nesta lingua.

A maiores da sesión plenaria ordinaria, a Cámara galega iniciará o trámite final do debate e votación dos orzamentos o vindeiro martes 17.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG