O BNG leva ao Parlamento o disparate de que sexa a Fundación Franco quen xestione o Pazo de Meirás

Olalla Rodil e Xavier Campos
Olalla Rodil e Xavier Campos

Olalla Rodil: “É un insulto á memoria das vítimas e á dignidade de Galiza”

O BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentarias contra o disparate de que sexa a Fundación Franco quen xestione as visitas do Pazo de Meirás.  

“É un insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza, que esta entidade que ten como fin loubar a figura e o pensamento do ditador e xenocida sexa quen xestione as visitas deste  Ben de Interese Cultural (BIC)”, denunciou a portavoz parlamentaria de Cultura Olalla Rodil.

Pregúntase o BNG se pode unha asociación coma a Fundación Franco trasladar unha información “veraz” do acontecido durante a ditadura en Meirás e no conxunto de Galiza, “toda vez que non só lexitima o réxime fascista senón que o promove e o defende abertamente. 

O BNG reitera o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da familia Franco como unha "illa de impunidade", por iso reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada. Ademais, insta á Xunta a dirixirse á familia Franco para expresar o seu rexeitamento a que sexa esta entidade a encargada das visitas. 

O Bloque ven de presentar a entidades, colectivos e persoas que traballan na memoria histórica a Proposición de lei galega da memoria que impulsará na Cámara na que se inclúen, entre outras cuestións, anular s xuízos do franquismo, a supresión de toda a simboloxía fascista que aínda permanece en múltiples lugares do país, a institucionalización do Día da Galiza Mártir e a declaración de San Simón como illa da memoria.

Igualmente, a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas e a elaboración dun amplo estudo non só da represión senón tamén da loita de resistencia contra o franquismo, como por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG