Galegas 2020

O BNG lanza a iniciativa Pensar Galiza para enriquecer o programa electoral con propostas de todos os sectores sociais

Rubén Cela e Olalla Rodil
Rubén Cela e Olalla Rodil

Cinco áreas de análise: emprego e desenvolvemento económico, igualdade e dereitos sociais, servizos públicos, demografía, lingua, cultura e identidade

Salustiano Mato, Carme Adán, Suárez Canal, Mercedes Queixas ou García Negro, entre as persoas que coordinan os grupos de traballo

O BNG pon en marcha a iniciativa Pensar Galiza coa que abre un proceso de contacto e interlocución, -estruturado en once grupos de traballo-, con distintos colectivos de cara intercambiar propostas que podan servir para enriquecer o programa electoral e a alternativa de goberno da formación que lidera Ana Pontón.

“É unha iniciativa de participación e de contraste colectivo coa que queremos enriquecer a alternativa política do BNG, o programa electoral, da man de persoas expertas en distintos ámbitos. Serán grupos de traballo temáticos nos que abordar os grandes retos que Galiza ten por diante”, explica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

Os grupos de traballo permitirán establecer “un diálogo aberto con sectores moi diversos e representativos da realidade social e económica do noso país, dunha Galiza que está en marcha, viva, dinámica, innovadora, do século XXI que aproveite o inmenso talento, creatividade e potencial que temos”, afondou a deputada nacionalista.

“Fronte á Galiza en retroceso do PP, a Galiza en marcha do BNG, e con ese obxectivo lanzamos Pensar Galiza”, sintetizou Rodil, de cara a conseguir un cambio real que o Bloque aspira a liderar, “queremos pensar cos sectores máis dinámicos e vivos como ten que ser a Galiza que queremos pór en marcha e deixar atrás a década perdida de Feixóo”.

Con Pensar Galiza, a formación nacionalista busca “enriquecer e actualizar” o seu proxecto político da man de colectivos, entidades e persoas expertas e de prestixio en ámbitos como a investigación e a innovación, o feminismo, as políticas sociais, os sectores produtivos, o ecoloxismo, os servizos públicos, a lingua e a cultura. 

A iniciativa está estruturada en once grupos de traballo arredor de cinco grandes áreas temáticas, como explicou Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre: emprego e desenvolvemento económico, igualdade real e dereitos sociais, servizos públicos, demografía e a pirámide poboacional e lingua, cultura e identidade como pobo.

O primeiro será o sábado 8 de febreiro cun encontro con representantes do sistema universitario galego e expert@s en I+D+i; coordinado polo ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. O 15 de febreiro igualdade, feminismo e diversidade sexual, baixo a dirección de Carme Adán, ex secretaria xeral de Igualdade no goberno bipartito.

Vivenda, educación, sanidade

Política lingüística, baixo a batuta de Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o 29 de febreiro, data na que tamén se celebrará o grupo de traballo de medio rural, conducido polo ex conselleiro Alfredo Suárez Canal. Políticas culturais, coordinado polo técnico de cultura Alberte García, será  o 7 de marzo así como  o grupo que abordará a temática de mar e pesca da man da catedrática de Economía María do Carmo García Negro.

Dereitos sociais, vivenda, axenda urbana, educación e sanidade son outros temas que serán tratados dentro desta iniciativa en datas que se irán concretando.

“Queremos afrontar a elaboración da nosa alternativa programática tendo previamente unha interlocución con persoas que, sexan ou non militantes nacionalistas, teñen unha traxectoria profesional e un coñecemento histórico e técnico que será de gran axuda á hora de complementar a alternativa programática coa que o BNG se vai presentar as eleccións galegas”, explicou Cela.

Data electoral

A preguntas dos medios, Rodil salientou que o BNG “está preparado e cos deberes feitos para saír a por todas, calquera que sexa a data das eleccións galegas”. A data, indicou,  “é unha prerrogativa que lle corresponde ao presidente da Xunta así que cando queira, o que si temos claro que vai convocalas en función dos seus propios intereses pero non dos intereses de Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG