O BNG lanza a campaña do 8M contra o neomachismo da dereita

Ana Pontón insta a mostrar na rúa e nas urnas “que non imos dar nin un só voto” aos machos-alfa da dereita “que cuestionan os nosos dereitos”

A etiqueta #OSeuLazoSeñorPresidente condensa a crítica ás políticas cosméticas e rituais.

O BNG presentou a súa campaña do 8M que este ano está centrada na denuncia da involución neomachista da man da dereita e na crítica á hipocrisía do politicamente correcto.

A mensaxe está condensada nun vídeo dun minuto que utiliza declaracións de Feixóo, Casado e Rivera para “desenmascarar aos machos-alfa da dereita” que poñen en dúbida a violencia machista, cuestionan o dereito a decidir sobre a maternidade ou queren legalizar novas formas de explotación como os ventres de aluguer. Exemplos de involución nos dereitos das mulleres pero que non lles impide colocarse un lazo lila o 8M. De aí a etiqueta da campaña, #OSeuLazoSeñorPresidente, que condensa a posición dos políticos que reducen a mero ritual á loita pola igualdade.

“A campaña quere desenmascar aos machos-alfa da dereita que traen un discurso neomachista rancio e carca que pretende perpetuar a discriminación e a desigualdade das mulleres, e tamén quere romper co politicamente correcto cunha crítica á hipocrisía política porque o 8M non se reduce a poñer un lazo lila na solapa senón que debe ser punto de partida para facer cambios estruturais que permitan avanzar en igualdade”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación.

Pontón declarou a súa preocupación pola onda involucionista da dereita, pero tamén denunciou que en Galiza Feixóo leva unha década marcando o camiño que agora fai saltar as alarmas no resto do Estado.

“Recortou axudas ás vítimas de violencia machista, cargouse programas de acompañamento, reduciu até un 75% os recursos para a conciliación, recuperou os concertos que segregan por sexo, desviou fondos de igualdade para unha rede nai antiabortista e leva dez anos incumprindo as leis de igualdade”, sintetizou, “todo iso con graves consecuencias para as mulleres”.

A líder do Bloque tamén instou a non renderse nin a tolerar ni un paso atrás na igualdade e nos dereitos das mulleres, respondendo na rúa e nas urnas.

“É tempo de feminismo e temos dúas vías para responder ao neomachismo: nas rúas e nas urnas. Primeiro coa participación masiva na manifestación do 3M e na folga de mulleres do 8M e despois nas citas electorais do 28 de Abril e do 26 de Maio deixando claro que non imos dar un só voto a aqueles que cuestionan os nosos dereitos”.

A responsable de Acción Feminista e coordinadora da campaña, Noa Presas, tamén insta á mobilización “para frear o tridente Feixóo-Casado-Rivera que está poñendo en cuestión moitos dos nosos dereitos”. “Fai un ano estábamos até a cona, un ano despois seguimos igual”, proclamou en alusión ao lema da campaña do pasado ano, -O máis grande de Galiza está até a cona-, que denunciaba o paternalismo machista da Xunta que comparaba ás mulleres con monumentos na súa mensaxe institucional.

Non se avanza cunha “política cosmética”, advertiu, “hai que colocar a igualdade no centro do debate porque está desaparecida pese á mobilización histórica do pasado 8M. O Goberno do Estado e da Xunta teñen un suspenso”.

O BNG reafirma o seu compromiso na defenda dos dereitos das mulleres, sendo un muro de contención contra a involución e un trampolín para as políticas feministas. Para empezar, aumentando os recursos para loitar contra a violencia de xénero destinando un euro de cada cen dos orzamentos da Xunta, derrogar as contrarreformas laborais, aposta pola conciliación e compromisos reais contra a fenda salarial.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG