Parlamento Galego

O BNG insta á Xunta a “plantar cara” ao goberno central e á banca para corrixir os abusos das cláusulas solo

Rolda de prensa Noa Presas, cláusulas solo
Rolda de prensa Noa Presas, cláusulas solo
  • A deputada , Noa Presas anunciou que o BNG iniciará unha campaña social acompañada de diversas propostas destinadas ao pago “de oficio e con carácter inmediato”, das cantidades cobradas polos bancos, de “maneira indebida”, a través de abusivas cláusulas solo

A deputada do BNG, Noa Presas anunciou hoxe que o BNG iniciará unha “campaña social” contra o abuso da banca ante as denominadas cláusulas e instou á Xunta de Galiza a “plantarlle cara” ao Goberno central e a Banca co fin de axilizar, a través do Instituto Galego de Consumo a arbitraxe para que afectados e afectadas polas cláusulas solo recuperen as cantidades “indebidamente cobradas”, por “ oficio e con carácter inmediato”.

A deputada explicou que estamos ante “un Estado que non fiscaliza á banca e mesmo lle rende pleitesía” e ademais conta “cunha Xunta durmida” que non presiona ao Goberno central nin exerce as súas competencias en consumo. Neste sentido, recalcou que “ao PP non lle interesa defender ás persoas senón máis ben, todo o contrario, facilitarlle o camiño á Banca”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Noa Presas lembrou que hai case un mes que coñecemos a sentenza europea contra as cláusulas chan e desde a administración segue sen haber actuacións contundentes. Levamos a maiores, engadiu, máis dunha semana agardando o anuncio dun Real Decreto e polo que sabemos, de momento, segue a ser a todas luces “insuficiente”. Para a deputada do BNG, o Estado propicia unha saída cómoda para a banca e non blinda os dereitos das persoas consumidoras. A maiores, os bancos queren ofrecer aos e as afectadas “unha semana para aceptar o acordo proposto pola banca”, algo que en opinión do BNG, dixo a deputada, resulta “ escandaloso”. Ante esta situación, o BNG insta á Xunta a “crear unha comisión”, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo, para que os bancos dean conta “obrigatoriamente” de que non cometen novos abusos e que as devolucións son correctas.

O PP, máis preocupado polo colapso de bancos e xulgados que por defender ás persoas afectadas do abuso das cláusulas solo

A nacionalista reiterou que a sentencia europea é publica dende hai semanas pero parece que a única “preocupación do PP”, é o “colapso de bancos e xulgados”. A sentenza, reiterou Noa Presas, non foi unha sorpresa e xa levamos varias semanas perdidas dende a súa publicación. A administración non pode “mirar para outro lado” e os ministros, Catalá, Montoro e De Guindos non poden seguir “competindo pola la medalla” que salvará as costas a Banca. En Galiza, “Feijóo, Martínez e Conde tamén seguen ausentes”.

O BNG, dixo, insta á Xunta a que obrigue ás entidades bancarias a facer a devolución “de oficio e con carácter inmediato” así como exixir das entidades bancarias a creación de servizos específicos para informar e atender ás persoas afectadas. A Xunta debe exercer as súas competencias en consumo e favorecer a arbitraxe a través do Instituto Galego de Consumo para facilitar a devolución “integra” das cantidades indebidamente cobradas, concluíu a nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG