Imprimir

O BNG insta o Goberno español a que investigue a corrupción dos Borbóns

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 02 de maio de 2020

Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)

Néstor Rego destaca a cadea de informacións sobre actuacións corruptas de Juan Carlos de Borbón cando era Xefe do Estado e que implican tamén ao actual.

Para o BNG, non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción.

Tomando en conta as últimas informacións sobre prácticas corruptas de Juan Carlos de Borbón no ano 2010, cando aínda era Xefe do Estado, o deputado do BNG, Néstor Rego dirixiu unha pregunta ao Goberno español para coñecer que actuacións pensa desenvolver co obxecto de investigar actuacións que afectan de forma directa a unha da institucións do Estado.

En concreto, Rego fai referencia á confesión de quen foi o seu “xestor” nesa operación, Arturo Fasana diante da fiscalía suíza na que -segundo recollen algúns medios- tería asegurado que xestionou para Juan Carlos de Borbón o deposito nunha conta suíza de 1,7 millóns de euros procedentes presuntamente do sultán Bahrein.

Cabe lembrar que o intermediario nesta operación estivo tamén procesado nun dos casos de corrupción máis relevantes dos últimos anos como é o caso Gurtel. O deputado nacionalista destaca que estamos a falar ademais de feitos que ocorrerían no ano 2010, cando Juan Carlos de Borbón exercía como Xefe do Estado.

Néstor Rego sinala que son aínda recentes as informacións sobre a presunta cobranza por parte de Juan Carlos de Borbón de comisións ilegais de Arabia Saudita relacionadas com a adxudicación do tren de alta velocidade entre Medina e a Meca e o depósito de 100 millóns de euros nunha conta Suíza. Posteriormente parte deste diñeiro iría a unha entidade radicada nas Bahamas, a Fundación Lucum, coa que tamén está relacionado o actual Xefe do Estado, Felipe de Borbón.

Para o deputado nacionalista, estamos a falar de feitos acreditados porque foron mesmo confirmados polo actual Xefe do Estado, Felipe de Borbón en un comunicado oficial da Casa Real no que recoñecía que coñecía esta situación desde hai un ano e que, con todo non a denunciaba ante a xustiza, limitándose a unha acta notarial de renuncia da herdanza sen consecuencias prácticas de ningún tipo.Rego engade que é coñecido, ademais, que Felipe de Borbón tamén está relacionado com outra fundación, denominada Zagatka e com sede en Leichenstein, á fronte da cal está Álvaro de Orléans, un primo de Juan Carlos I.

Ante estes feitos gravísimos, lembra Néstor Rego, o BNG, conxuntamente com outras forzas política, presentou a solicitude dunha Comisión de Investigación parlamentaria com o obxectivo de esclarecer actuacións de corrupción de afecta directamente á Xefatura do Estado, tanto na figura de Juan Carlos de Borbón como na do seu fillo -e herdeiro do cargo-, Felipe de Borbón. Con todo -sinala Rego-, a Mesa do Congreso non creu conveniente investigar estas actuacións presuntamente delituosas, nunha actitude impropia dun sistema que se diga democrático, preferindo optar por tentar ocultar a corrupción dos Borbóns”.

O BNG destaca que estamos diante dunha fervenza de informacións que comprometen a pouca credibilidade que queda a unha monarquía xa profundamente desprestixiada. “Desde o punto de vista do BNG -subliña Néstor Rego- non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción. Por tanto, defendemos que é necesario investigar, tanto no ámbito político como xudicial para determinar as responsabilidades e consecuencias a que houber lugar”.

O deputado nacionalista conclúe que, ademais de investigar, é necesario acabar xa cunha monarquía que como institución “é anacrónica e impropia dun sistema democrático, no que o Xefe do Estado debe ser elixido pola cidadanía. Non é admisible en democracia unha Xefatura do Estado vitalicia, hereditaria, que exerce “pola graza de Deus” e, neste caso, sobre todo pola do ditador Francisco Franco”.

O BNG insistirá na solicitude para crear unha comisión unha parlamentaria de investigación da corrupción dos Borbóns.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-insta-goberno-espanol-investigue-corrupcion-borbons/20200502174613026973.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr