Congreso

BNG insta o Goberno a ampliar a prórroga da ITV de vehículos agrícolas

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego denunciou no Congreso a situación na que se atoparán os e as propietarias de vehículos agrícolas que non poidan renovar a ITV cando finalice a prórroga decretada polo Goberno até o 10 de novembro debido a que o servizo de ITV non pode atender a demanda acumulada durante todo o período de paralización da actividade polo estado de alarma.

O Bloque Nacionalista Galego instou o Goberno español a ampliar a prórroga das inspeccións durante o tempo necesario para  asegurar que tractores e o resto de maquinaria agrícola circulen dentro da legalidade mentres agardan pola posibilidade de obter cita nas unidades móbiles da ITV.

O BNG denuncia a situación pola que están a pasar os e as traballadoras do campo que non poden realizar ditas inspeccións dos seus vehículos agrícolas ao non estar dispoñíbeis nestes momentos as unidades móbiles que se desprazan pola maioría de  concellos galegos para facilitar o acceso á ITV destes vehículos.

A única alternativa á unidade móbil da ITV é acudir ás instalacións fixas situadas nos arredores das grandes cidades ou polígonos industriais. “Isto supón obrigar ás e os propietarios de maquinaria agrícola a realizar na maioría de casos longos desprazamentos, nos que deben circular por vías cunha alta densidade de tráfico provocando atascos e  entorpecementos ao normal tránsito de vehículos, o que pon tamén en risco a seguridade viaria” destacou o deputado Néstor Rego.

Aínda que a validez das inspeccións técnicas para os vehículos agrícolas “destinados a labores do campo” está prorrogada ata o 10 de novembro, o BNG advirte que se estes vehículos seguen sen poder acceder aos servizos de ITV, ao chegar o citado vencemento haberá igualmente moitos sen a inspección validada e ao circular expoñeranse a multas. Néstor Rego salientou que “resulta de xeito inxusto que se faga responsábeis aos e ás traballadoras do campo, cando a responsabilidade por ese atraso é debida a que o servizo de ITV non pode atender a demanda acumulada durante todo o período de paralización da actividade polo estado de alarma”.

A formación nacionalista considera necesario dar instrucións desde a Dirección Xeral de Tráfico para flexibilizar as posíbeis actuacións no caso de detectar en circulación vehículos agrícolas que debesen pasar a ITV desde a declaración do primeiro estado de alarma. Néstor Rego solicitou ao Goberno implementar as medidas necesarias para evitar que as persoas usuarias de maquinaria agrícola que se atopen nunha situación susceptíbel de sanción por incumprir a normativa unha vez finalice a prórroga da vixencia da ITV, non saian prexudicadas ante a  actuación dos axentes de tráfico ou no caso dun posible accidente.

O grupo parlamentario do BNG no Parlamento  galego, a través do deputado portavoz de agricultura, Xosé Luís Rivas “ Mini”, tamén presentou iniciativas neste sentido.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG