Congreso

O BNG insta ao Ministerio de Traballo a pagar de inmediato os ERTES derivados da crise do coronavirus

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego demanda á Ministra, Yolanda Díaz, unha simplificación dos trámites e un maior reforzo no cadro de persoal para axilizar o procedemento e mellorar a atención aos traballadores e traballadoras afectadas.

 

O deputado do BNG, Néstor Rego, demandou ao Ministerio de Traballo o pagamento inmediato dos meses atrasados a todos os traballadores e traballadoras afectadas por un ERTE por causa da crise do coronavirus. Rego, a través dunha iniciativa parlamentaria, solicitou ao Goberno que faga público cantos expedientes quedan aínda por tramitar neste momento.

O BNG denuncia que son moitos os traballadores e traballadoras que aínda non cobraron a día de hoxe nin a mensualidade correspondente ao mes de marzo, nin ao mes de abril. Segundo as cifras apuntadas desde as organizacións sindicais, case un terzo dos traballadores e traballadoras suxeitas a un ERTE aínda non percibiron ningún tipo de prestación. “Tras máis de dous meses esperando poder percibir algún ingreso, a situación actual de moitas destas persoas é xa desesperada e non se pode permitir que a percepción da prestación se atrase máis no tempo” explicou o deputado.

A principal causa da demora é o colapso do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), a entidade encargada de realizar os trámites e despois o abono das prestacións. O BNG propuxo no Congreso que se simplifiquen os trámites e un reforzo no cadro de persoal para axilizar o procedemento e mellorar a atención aos traballadores e traballadoras afectadas. Néstor Rego destacou que “o Ministerio debe pór remedio xa ao problema para dar unha solución inmediata á situación urxente pola que pasan millares de familias”.

O BNG cre que a crise derivada da COVID-19 e a declaración do estado de alarma, xustificaría que se simplificasen os expedientes para lograr unha resolución áxil dos procedementos e que as e os afectados cobrasen as súas prestacións de forma case inmediata.

Néstor Rego salientou que “a capacidade de resistencia económica de todas as persoas acollidas a un ERTE e das súas familias non pode seguir póndose a proba, necesitan ese ingreso para poder comer e cubrir as súas necesidades básicas, e non pode tolerarse que deban seguir esperando por un mero trámite administrativo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG