Imprimir

O BNG insta ao goberno central e á Xunta a buscar mecanismos para abordar a crise do naval vigués

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 29 de xaneiro de 2020

Encontro ASIME
Encontro ASIME

Néstor Rego pregunta ao goberno do Estado se ten previsto repoñer aos traballadores e traballadoras afectadas as prestacións por desemprego consumidas durante os períodos de inactividade de Vulcano e Barreras

O BNG mostra a súa preocupación ante a situación que está vivindo o sector naval galego e a incapacidade da Xunta para desbloquear unha solución

O deputado Néstor Rego insta o Goberno central a que declare a construción naval na Galiza como un sector económico e produtivo estratéxico. Para o Bloque Nacionalista Galego, a desertización industrial que atravesa a comarca de Vigo representa un grave problema, non só para esta área se non por extensión para o conxunto de Galiza. Reverter esta situación exixe que as administracións públicas competentes adopten medidas efectivas, con compromisos firmes que vaian máis aló da propaganda e os anuncios electoralistas.

Trátase dun sector eminentemente estratéxico para esta comarca pero tamén para o conxunto de Galiza. Con todo, na actualidade o naval representa na comarca de Vigo menos de 2 mil postos de traballo cando chegou a superar o 10 mil.

Nas últimas semanas observamos con enorme preocupación o inminente peche e o consecuente risco de desaparición do estaleiro Vulcano e tamén a grave crise que atravesas o estaleiro Barreiras, o de maior importancia na construción naval privada do Estado. Trátase de dous estaleiros emblemáticos que son alicerce fundamental do naval vigués e que se atopan nunha situación límite.

Por unha banda, Vulcano enfronta o seu proceso de liquidación sen ningunha garantía de continuidade da actividade nas súas instalacións; situación agravada pola hostilidade da Autoridade Portuaria de Vigo que de maneira indisimulada aspira a recuperar a titularidade da parcela para destinala a outros usos. Por outra, Barreiras está en situación de preconcurso e con dúbidas a preto da súa viabilidade derivada dos conflitos no seo do seu accionariado e sen garantías a respecto da carga de traballo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-insta-ao-goberno-central-xunta-buscar-mecanismos-abordar-crise-do-naval-vigues/20200129123514026423.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr