BNG impulsa unha batería de iniciativas na defensa da pesca galega fronte ao desleixo dos gobernos galego e estatal

Encontro pesca
Encontro pesca

Ana Miranda propón o mantemento de encontros periódicos co sector pesqueiro para facer un seguimento directo da súa evolución

Néstor Rego defende a necesidade de reformar os criterios de reparto das cotas pesqueiras

Rosana: “O Bloque presentou varias propostas para que a administración galega elabore plans de continxencia para as frotas máis afectadas”

O BNG expresou o seu compromiso na defensa do sector pesqueiro galego mediante a posta en marcha dunha batería de iniciativas nas distintas administracións que freen a perda da súa capacidade económica como consecuencia non só da pandemia, senón tamén pola incertidume causada polo acordo do Brexit. “A redución dun 25% dos dereitos de pesca da UE supón un duro golpe para o sector pesqueiro galego, que os gobernos galego e estatal non souberon evitar”, manifestaron Ana Miranda, Néstor Rego e Rosana Pérez tras o encontro que mantiveron co Consello Administrador da Lonxa da Coruña, no que tamén participaron Mercedes Queixas, Carmela González e Daniel Castro.

O sector pesqueiro galego corre o risco de perder 4.300 toneladas de especies como gallo, pescada e rape, fundamentalmente, nos próximos cinco anos e neste sentido, a delegación do BNG defendeu que é preciso reformar os criterios de reparto de cotas pesqueiras na Unión Europea e buscar fórmulas para que Galiza non saia prexudicada, así como a revisión do principio de estabilidade relativa, xa que non permite un reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país e supón a asignación de cotas insuficientes para a frota galega.

No obxectivo de coñecer de primeira man a evolución do sector pesqueiro que afronta esta situación de incertidume con preocupación, Ana Miranda expresou o compromiso do BNG a manter encontros periódicos co sector e en concreto co Consello de Administración da Lonxa coruñesa e así dar traslado ás súas demandas nas distintas administracións. A portavoz do Bloque en Europa recalcou que a pesca non pode ser moeda de cambio nas negociacións e que foron varias as iniciativas presentadas reclamando información sobre as consecuencias do Brexit para os sectores económicos galegos.Zona altamente dependente

Precisamente na reunión os representantes do Consello, ademais de manifestar a súa preocupación pola incertidume que provoca o acordo co Reino Unido, defenderon a posta en marcha de axudas por parte de Portos do Estado para compensar as perdas do sector. Neste sentido, Néstor Rego comprometeuse a recoller e presentar iniciativas que recollan estas demandas e defendeu a redistribución das cotas “que leve a unha mellor xustiza no reparto”, coa declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca.

Segundo o deputado nacionalista Galiza precisa ter voz propia nas negociacións pesqueiras que se desenvolvan a nivel internacional. “É fundamental que Galiza teña capacidade para negociar directamente as cuestións de especial relevancia para a súa economía, como é o caso dos acordos en materia de pesca, e evitar así que estas se volvan a considerar prescindíbeis en aras de intereses políticos ou económicos alleos”, manifestou ao respecto.

A deputada Rosana Pérez, portavoz do BNG na Comisión de Pesca no Parlamento Galego, asemade expresou o seu compromiso de trasladar á Cámara galega as propostas manifestadas na reunión e criticou o papel desenvolvido pola Conselleira de Pesca, ao non ser capaz de defender os intereses de Galiza nas negociacións relacionadas co Brexit. “O goberno galego non é quen de defender os intereses do sector pesqueiro galego”, sinalou a deputada do Bloque, quen recordou que no Parlamento Galego foron presentadas diversas iniciativas relacionadas para que a administración galega elabore plans de continxencia para as frotas máis afectadas.

“Intentamos que o goberno galego se implique co sector pesqueiro con toda a contundencia alí onde ten que esixir”, salientou ao respecto, ao tempo que criticou que haxa grupo políticos que na Cámara galega votan a favor de determinadas propostas que posteriormente rexeitan en Madrid, prexudicando a sectores concretos, como o caso da transferencia do IEO.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG