O BNG apoia ás persoas denunciadas pola familia Franco por reclamar a devolución da Casa Cornide

Casa Cornide
Casa Cornide

Como xa fixera cos 19 de Meirás, para os que a Fundación e os herdeiros de Franco pide 300 anos de cadea por reclamar a devolución do Pazo de Meirás, o BNG proclama o seu total apoio ás 9 persoas denunciadas por un sobriño do ditador, -José Cristobal Martínez-Bordiu-, neste caso por demandar a devolución da Casa de Cornide, en pleno centro histórico da Coruña, de novo a través dun acto simbólico e pacífico o pasado 26 de setembro de 2017.

Agora, as persoas activistas, -moitas militantes nacionalistas-, son denunciadas por un sobriño do ditador e están pendentes da celebración do xuízo no Xulgado de instrución número 4 da Coruña o vindeiro 18 de xullo.

A coincidencia da data fai aínda máis evidente a anomalía democrática e o esperpento que supón que, 40 anos despois da morte de Franco, siga a ser necesario loitar contra o franquismo, mentres os herdeiros do réxime que segou a vida de milleiros de galegos e galegas continúan a gozar dos bens roubados ao pobo galego e recibindo títulos nobiliarios por parte do Goberno do PP.

O Bloque traslada o seu total apoio as nove persoas denunciadas así como a súa  solidariedade e orgullo polo seu imprescindible activismo. Co acto simbólico e pacífico na Casa de Cornide non fixeron outra cousa que defender a dignidade do pobo galego, a dignidade das vítimas da ditadura que aínda non recibiron xustiza, nin foron compensadas, nin a súa memoria restituída, e defender os valores máis elementais dunha democracia que se prece.

Malia o contexto de involución democrática, favorecido por normativas aprobadas polo PP como a Lei mordaza, pero que as forzas estatais que se definen como progresista foron incapaces de derrogar, o BNG confía en que esta nova denuncia non teña percorrido algún e se resolva con prontitude e contundencia a favor destas 9 persoas que co seu acto reivindicativo asumen o papel que terían que ter feito o  Goberno do Estado e a Xunta de Galiza: Defender valores democráticos fundamentais que, neste caso, pasan por acabar coa ignominia de que o Franquismo sen Franco sega a campar as súas anchas, ocupando bens que son do pobo galego e recibindo honores nobiliarios.

A formación nacionalista continuará traballando para que o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as esculturas de Abraham e Isaac sexan devoltas ao seu lexítimo propietario, -sen coste algún para Galiza-, como acto de dignidade colectiva e de ele elemental compensación coas vítimas.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG