Parlamento Galego

O BNG exixe á Xunta a construción dun novo centro de saúde no Grove e que cubra as prazas do persoal sanitario no actual

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reclama no Parlamento unha partida específica para o novo centro nos orzamentos de 2021 que non contempla o Goberno do PP     

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que proceda á substitución completa, inmediata e permanentemente, durante todo o ano, de todas e todos os profesionais ausentes no centro de saúde do Grove, ben sexa por baixa, vacacións ou xubilacións. De igual xeito, exixiu ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2021 a partida económica necesaria para proceder de inmediato á construción dun novo centro, dadas as “múltiples deficiencias” do actual.

Así o demandou ante a comisión de Sanidade da Cámara galega a deputada Montserrat Prado, quen recriminou ao Executivo do PP a ausencia do novo centro sanitario nas contas galegas para o próximo exercicio. “A Xunta acaba de presentar o proxecto de orzamentos para 2021 onde o centro de saúde do Grove non aparece; nin se contempla a realización do proxecto, nin se se consigna un só euro”, recalcou para asegurar a continuación que a situación da sanidade na localidade non é unha casualidade, senón “o resultado de anos de recortes”.

A deputada nacionalista referiuse ás reivindicacións da veciñanza para solicitar a construción dun novo centro de saúde e resolver as carencias de persoal sanitario no actual, reivindicacións trasladadas ao Parlamento a través dunha iniciativa popular con arredor de 2.500 sinaturas e para as que o BNG leva anos demandando solucións na Cámara. Segundo explicou Prado, a situación do actual centro é “terceiromundista”, con múltiples deficiencias que foi enumerando durante a súa comparecencia e que traen como consecuencia “unha asistencia sanitaria con moitas carencias”.

Ás pésimas condicións das instalacións, a portavoz de Sanidade engadiu os “tremendos déficits de persoal” que o Bloque leva meses denunciando e que, segundo subliñou, “non fan máis que empeorar”. Neste sentido concretou en cifras o estado actual do cadro de profesionais, con sete médicos de familia do que dous non están de xeito permanente e non son substituídos; un único pediatra, porque o segundo tampouco foi suplido; e unha única praza de enfermería, cuberta continuamente en precario e “premendo ao persoal do centro para que faga as gardas”.

Prado insistiu na urxencia de realizar a cobertura completa e durante todo o ano do persoal ausente, ben sexa por baixa, por vacacións ou por xubilación, e recalcou a presión que padece “pola incapacidade de atender a demanda de atención, con teléfonos colapsados e demoras para consulta de días e mesmo de semanas”.

“Profesionais esgotados e frustrados e unha poboación sen a atención precisa”, resumiu para concluír na defensa da iniciativa -rexeitada polo veto do PP- que “nin o BNG nin a veciñanza do Grove imos aceptar esta situación, polo que seguiremos dando a batalla por unha demanda que é máis que xusta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG