BNG exixe a reacción coordinada e decidida de Estado e Xunta ante o anuncio de Endesa de pechar a central de As Pontes

Encontro As Pontes
Encontro As Pontes (arquivo)
Reclama unha solución alternativa e propostas concretas e orzamentadas e acusa a ámbolos dous gobernos de bailar ao son que marca a eléctrica

BNG exixe unha “reacción coordinada e decidida” do Goberno estatal e a Xunta ante o anuncio de Endesa de pechar a central térmica nas Pontes co obxectivo de acadar un proxecto industrial alternativo de futuro para a comarca de Ferrolterra. “Exiximos solucións e propostas concretas e orzamentadas porque Endesa pecha sen alternativas”, recalca o portavoz nacionalista de Industria, Ramón Fernández, quen engade que “aquí non hai transición enerxética nin hai nada e isto non se pode consentir”.

Fernández considera o anuncio como a confirmación do “atraco a man armada” da eléctrica e advirte que a comunicación feita pola compañía “deixa en moi mal lugar” tanto ao Goberno central como ao galego. Neste sentido, lembra que aínda o día 17 deste mes o vicepresidente do Executivo galego, Francisco Conde, apostaba pola viabilidade dos biocombustibles para a central das Pontes, mentres que o Estado leva seis meses evitando reunir a mesa das Pontes, onde están representados todos os axentes económicos, sociais e das distintas Administracións.

O Bloque advirte de que o exhaustivo dos detalles técnicos que inclúe a eléctrica no seu anuncio e o feito de que veñan avalados por un tecnólogo internacional “da a idea de que é algo moi ben preparado e moi ben meditado. “É dicir -recalca o tamén deputado por Ferrolterra- Endesa marca os tempos e o ritmo, e ámbolos dous gobernos bailan ao seu son”.

Nesta liña engade que na súa comunicación, a compañía “anúncianos tamén que ten autorización para instalar 1.400 MW na rede eléctrica”, o que significa que “non só ten as autorizacións para instalar os correspondentes parques eólicos, senón tamén para facer uso dos nós de conexión”. Para Fernández, “Endesa xa decide ela todo, non precisa dos gobernos para nada”, o que cualifica de “algo tan insólito como indignante”.

A xuízo do Bloque, o anuncio da compañía coloca a toda unha comarca “aos pés dos cabalos”, un comportamento que, di, “non se pode consentir” e que exixe a acción conxunta de Estado e Xunta para ofrecer unha solución alternativa de futuro para As Pontes e toda a comarca de Ferrolterra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG