Parlamento Galego

O BNG exixe a comparecencia urxente do Conselleiro de Educación ante a situación excepcional de retraso do curso en secundaria

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Constata a improvisación dun Feixóo que tivo seis meses  “de ouro” para preparar a volta ás aulas que perderon en propaganda e tirando balóns fóra

En dúas semanas o Goberno do PP cambiou tres veces de criterio sobre a distancia de seguridade do alumnado nas aulas, denuncia Lourenzo

Total apoio do Bloque para buscar solucións que permitan un curso coas máximas garantías sanitarias e educativas

O BNG solicita a comparecencia inmediata do conselleiro de Educación no Parlamento para que explique a situación que se está a vivir no ensino secundario, nun inicio de curso marcado pola improvisación pese ao contexto da COVID19, máxime despois de que a Xunta se vise obrigada a tomar a medida excepcional de atrasar a volta aos institutos, ante o clamor crecente da comunidade docente advertindo que a falta de medios, protocolos claros e os continuos bandazos do Goberno facían imposible o regreso ás aulas na data prevista.

“Esta decisión é a constatación última da falta de planificación e do caos dun inicio de curso que o Goberno do PP de Feixóo tivo seis meses para organizar, seis meses de ouro que se perderon facendo propaganda e botando balóns fora e agora son as familias e o persoal educativo quen están a pagar as consecuencias”, denuncia o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo.

“Feixóo estaba espido e o traxe que nos quixo vender non era máis que unha nova mentira e unha nova irresponsabilidade”, declarou, “e a día de hoxe os centros de secundaria ignoran con canto persoal van contar”. A modo de exemplo dos continuos bandazos, Lourenzo salientou que en apenas dúas semanas, o Goberno do PP cambiou tres veces de criterio nunha cuestión como a distancia de seguridade que debe gardar o alumnado.

“O 30 de agosto decretaba un metro de distancia, o 31 de agosto xa pasaba a metro e media de distancia e o dez de setembro de novo abre a porta a que a distancia se reduza a un metro. Se alguén cree que esta é unha xestión minimamente seria, desde o BNG non o entendemos”, alegou, “nin as familias ni a comunidade educativa deben aturar máis caos, máis bandazos e máis improvisación”.

Neste sentido, Lourenzo advirte que a medida da semi-presencialidade, “que acaban de sacar da chistera”, debe explicarse: como se vai xestionar, con que horarios, profesorado e medios. A formación nacionalista insta ao Goberno a traballar “con seriedade e con rigor e coa responsabilidade que implica a saúde e a educación dos nosos fillos e fillas”, ao tempo que reclama da Xunta que escoite á comunidade educativa, “porque leva meses dándolle as costas pese a estar en primeira liña e estas son as consecuencias”.

O Bloque volve ofrecer man tendida tanto á comunidade educativa como ás familias para aportar todo o que sexa necesario para conseguir un curso escolar coas máximas garantías. Preguntado polo relevo na Consellería de Educación, Lourenzo destacou que non se trata dun cambio de caras, nin de actitudes, “non estamos falando de emoticóns”, o que se require é un cambio de políticas. “Feixóo mentiu na sesión de investidura cando dixo que todo se estaba facendo ben e días despois vemos como cesa a titular de Educación e aos seus cargos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG