Congreso

O BNG exixe ao Goberno español que se investigue e depuren responsabilidades pola desproporcionada detención de Álex Bergantiños

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado Néstor Rego criticou un uso indebido dos recursos policiais e cualificou de desmesurada a detención de Bergantiños na rúa e diante da súa familia, como se se tratara dun delincuente perigoso.

O BNG insta ao Goberno español a que solicite ante o Consello Superior de Deportes a inhabilitación de Javier Tebas como Presidente da Liga de Fútbol Profesional.

O Bloque Nacionalista Galego exixe no Congreso ao Goberno español que se investigue e se depuren responsabilidades pola detención do xogador do Deportivo da Coruña, Álex Bergantiños. “Resulta inaudito o exceso de celo e de dilixencia policial ante feitos que carecen de relevancia criminal e a súa falta de actuación en casos de verdadeira gravidade” destacou o deputado Néstor Rego.

Os nacionalistas critican un uso indebido dos recursos policiais nesta actuación, como afirma a propia xuíza do Xulgado nº3 da Coruña, que cualifica de sorprendente a actuación da Liga de Fútbol Profesional e de intempestivo o arresto e afirma no seu auto xudicial, que se malgastaron os recursos públicos nun asunto sen relevancia.

Unha denuncia que se produce cando a LFP soubo que o Deportivo da Coruña solicitou ao Consello Superior de Deportes o cesamento inmediato de Javier Tebas como Presidente.

A estas críticas súmase que ao fronte do Departamento de Integridade da Liga se encontre Florentino Villabona, un Comisario de Policía retirado, que sendo Director Adxunto Operativo da Policía Nacional impuxo a Javier Tebas, actual Presidente da LFP, a “medalla ao mérito policial”.

O BNG insta ao Goberno central que solicite ante o Consello Superior de Deportes a inhabilitación de Javier Tebas como Presidente da Liga de Fútbol Profesional. Os nacionalistas ven totalmente censurábel a aparente influencia de determinadas persoas para lograr unha actuación interesada por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Néstor Rego cualificou de desproporcionada a actuación policial e salientou que “se se consideraba necesario tomar declaración a Álex Bergantiños polos feitos denunciados, o lóxico sería citalo para este cometido, mais en ningún caso se xustifica a súa detención na rúa, diante da súa familia, como se se tratara dun delincuente perigoso”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG