Mini esixe á Xunta medidas para que se actualice a representación das organizacións agrarias no medio rural

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Rivas salienta que hai organización agrarias implantadas no sector que non teñen ningún recoñecemento da Xunta e quedan excluídas das axudas

Advirte do risco de que a Axencia industrial forestal implique perder terras agrarias para dar satisfacción ao cluster da madeira

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, esixiu da Xunta que poña en marcha as medidas necesarias para actualizar a representación das organizacións agrarias no medio rural, tendo en conta que non se teñen convocado eleccións no campo galego desde 2002.

Este desfase ten como consecuencia que organizacións profesionais que levan anos traballando e con implantación no sector sexan ignoradas pola Xunta nas súas convocatorias de axuda, pois toma como referencia os resultados dos comicios de fai tres lustros.  

“A foto fixa que mostran as eleccións de fai quince anos está superada, non responde a realidade, polo que a Xunta debe canto antes facer os cambios necesarios e aplicar as medidas oportunas para volver darlle voz ao sector agroganderio do país, e permitir unha actualización desa representación axustada á realidade actual”, argumentou Rivas en sede parlamentaria, sen obter concreción algunha na resposta do goberno.

“O sector non está morto, así que non hai xustificación para que se leven tres quinquenios sen pedir a súa opinión nas urnas”, subliñou.

Igualmente, o político nacionalista interpelou ao Executivo galego polo papel da Axencia industrial forestal, trasladando a preocupación do BNG ante a función desta entidade que depende da Consellería de Industria.  Rivas advirte que a programación deste organismo, “pode derivar nunha maior perda de terras agrarias para dar satisfacción ao cluster da madeira, xa que entenderá basicamente da produción de industria forestal da madeira, o que a día de hoxe significa eucalipto e piñeiro”.

O deputado chamou a atención sobre o feito de que esta axencia se crease antes de ser aprobado o Plan forestal de Galiza, o que leva a pensar que a Xunta considera como única industria para o monte a derivada das especies mencionadas, “cando o que se precisa e unha aposta rotunda polo aproveitamento multifuncional do monte galego”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG