O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará preguntou ao goberno polos prazos e situación actual do proxecto de soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monteporreiro ante as continúas demoras na execución das obras.
O parlamentario do BNG afirmou que o concello de Pontevedra recibiu diferentes proxectos de Unión Fenosa pero ningún relativo ao soterramento da liña eléctrica en Monteporreiro, “unha vella demanda da veciñanza” que finalmente foi plasmada nun convenio entre o concello de Pontevedra, a consellería de Industria, ambos gobernados polo BNG, e Unión Fenosa.
O concello de Pontevedra, engadiu Bará cumpriu a parte que lle correspondía do convenio coa execución do soterramento dos tubos e aportando 500.000 euros. Posteriormente, o concello dirixiuse á Xunta para formalizar un novo convenio que continuara as obras ante a paralización do investimento por parte de Unión Fenosa, obras que ascendían a cerca dun millón de euros.
No mes de marzo de 2017 tralo acordo do concello de Pontevedra e a proposición non de lei do BNG defendida no Parlamento galego, Unión Fenosa fixo público o anunciou da execución das obras e mesmo da ampliación do seu ámbito. Neste sentido, o parlamentario preguntou ao director xeral de Industria que xestións realizou a Xunta dende marzo de 2017 para impulsar e axilizar o soterramento da liña de alta tensión.
O deputado recalcou que o concello de Pontevedra “non ten competencias para soterrar liñas eléctricas e nin a Xunta nin o concello ten por que pagarlle a Unión Fenosa este investimento”.
Ademais preguntou que xestión prevé realizar a Xunta de Galiza para que se cumpra a previsión de executar as obras no ano 2018.