O BNG esixe unha motobomba para A Rúa e pide á Xunta que non abandone Ourense diante dos lumes

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas “A Rúa non ten unha motobomba por sectarismo da Xunta de Galiza, que nin paga o arranxo dalgunha en desuso nin oferta unha nova despois de 17 anos, non aprenderon nada da vaga de lumes de outubro e seguen marxinando Valdeorras e Ourense”.

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, esixe no Parlamento que a Xunta de Galiza “abandone o seu sectarismo e ofreza unha motobomba en condicións ao Concello da Rúa, que tivo unha conveniada durante 17 anos con diferentes gobernos e que agora está abandonado por un goberno temerario que non aprendeu nada da vaga de lumes de outubro e seguen marxinando Valdeorras e Ourense.”

Presas denunciou que “o Concello da Rúa sempre estivo disposto ao diálogo e a Xunta só ofreceu unha motobomba obsoleta e que pagaran eles o arranxo, cando a anterior motobomba foi accidentada á volta dun servizo e polo tanto a Xunta debera asumir os custos económicos”. A deputada insistiu en que “o colmo dos colmos é que haxa unha motobomba sen usar na base de Vilanova, que segue pechada un ano despois de promesas de acondicionamento e sen explicación da Xunta de Galiza”.

Para o BNG “a Xunta está abandonando de novo Ourense, que xa está en situación de alto risco polas súas temperaturas aínda que eles non queiran velo. Hai que recordar que no 2017 no 2017 arderon en Ourense 30.309 ha, iso é case a metade do que ardeu en Galiza 61.901 polo que Ourense precisa máis medios. Ademais a Rúa ten un lugar céntrico dentro da comarca de Valdeorras e sempre sae a axudar aos demais concellos, isto é unha irresponsabilidade con toda a comarca”.

A proposición do BNG votarase este venres 25 de maio na comisión de Medio Rural do Parlamento Galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG