A Xunta incumpre a participación pública da normativa europea no parque natural de Baixa Limia-Xurés

Xuntanza Lobios
Xuntanza Lobios

Ana Miranda reuniuse con representantes das Comunidades de Montes en Man Común e propietarios de terreos no parque natural

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, denuncia o incumprimento por parte da Xunta de Galiza do criterio de participación pública que esixe a normativa europea para a xestión dos parques naturais, en concreto a respecto do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

“É unha situación inadmisible, especialmente porque se trata dun parque europeo e transfronteirizo con protección especial e rexido polas normas reguladoras dos espazos protexidos da Rede Natura”, subliña Miranda, quen onte mantivo unha xuntanza en Lobios con representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e propietarios dos Montes situados no Parque Natural do Xurés.

O BNG vai denunciar esta situación en Bruxelas e solicitarlle á Comisión Europea información detallada sobre os fondos que gastou a Xunta no Parque, posto que segundo manifestan os comuneiros “dende logo non se notaron”. Precisamente este colectivo denuncia que se se levan dirixido dende novembro á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e recibir ningún tipo de resposta.

“Non é de recibo que dende a administración galega non se nos conteste aos nosos escritos e nos teñamos que enterar pola web dos parques naturais da Xunta que Medio Ambiente iniciará este ano os traballos de redacción do Plan de usos e xestión do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés”, critican.

Para a eurodeputada nacionalista “non se pode consentir esta falla de transparencia nin sobre en que vai consistir o plan de usos do parque nin en que se están gastando os fondos europeos”. Precisamente, a propia directora xeral de Patrimonio Natural nun comunicado oficial, a Xunta e o Goberno portugués colaboran como principais beneficiarios no proxecto Gerês-Xurés Dinámico, que forma parte do Programa Interreg España-Portugal 2014-2020 e que conta cun orzamento de aproximadamente 2 millóns de euros cofinanciados ao 75% con Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A falta de director no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés é unha das diferencias que Ana Miranda resalta a respecto da parte portuguesa do parque, denominado Peneda Gerês. “Trátase dunha mostra máis do desleixo da Xunta por protexer a riqueza cultural e natural de Galiza”, considera.

Inacción contra os incendios

Por outro lado, Ana Miranda recolleu as críticas dos representantes das Comunidades de Montes e os propietarios sobre a inacción da Xunta de Galiza para previr os incendios e diminuír as súas consecuencias. “Os parques naturais e os propietarios estabamos e seguimos indefensos contra os incendios, o goberno do PP só viu aquí a facerse a foto pero non trouxo solucións".

Neste sentido a eurodeputada do BNG denuncia que o lume “non ten fronteiras” e o Parque do Xurés sigue sen ter medios para a prevención de incendios. Ao xuízo, é fundamental atender as novas situacións medioambientais consecuencia do cambio climático e establecer protocolos de prevención e extinción para os Parques Naturais Reserva da Biosfera, zonas ZEPA e ZEC da Rede Natura.

Critica, asemade a ausencia de plans para a ordenación forestal dos montes ardidos. “Estes planeamentos deberían estar xa en marcha tras a vaga de incendios do pasado mes de outubro”, subliña.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG