O BNG denuncia que ENDESA pretende “roubar” os dereitos sociais pactados cos traballadores e traballadoras

Noa Presas
Noa Presas

A deputada, Noa Presas trasladou hoxe o apoio do BNG aos traballadores activos e pasivos de Endesa, ante o intento da empresa de utilizar a perda do  convenio colectivo de referencia para non cumprir cos dereitos pactados

Na mobilización que tivo lugar hoxe  nas Pontes contra o intento de Endesa de “roubar” os dereitos sociais pactados cos traballadores e traballadoras, a deputada do BNG, Noa Presas comprometeuse a trasladas ás institucións esta situación que cualificou de “abusiva”.

Para a nacionalista, a Xunta de Galiza é responsable de non contar cunha planificación estratéxica, sobre todo no sector eléctrico, así como de consentir   que empresas como ENDESA,  que xera beneficios multimillonarios, agora pretenda “afogar á comarca das Pontes”.

Por outra banda, Presas tamén responsabilizou ao goberno de Sánchez, que a día de hoxe, aínda  non cumpriu a súa promesa de derrogar a Reforma laboral. Dende o BNG, recalcou a portavoz de industria do BNG, non imos ser cómplices de  políticas que van na dirección contraria ás consolidación dos dereitos dos traballadores e neste sentido,  avanzou que o BNG defenderá no Parlamento galego aos traballadores e traballadoras de Endesa a través da tramitación de iniciativas para impedir que os dereitos sociais conquistados que reverten na economía das Pontes e súa comarca sexan  “usurpados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG