O BNG demanda á Xunta que rectifique o recorte de seis ambulancias no servizo de transporte sanitario en Vigo

Encontro Vigo
Encontro Vigo

Reunión de Pontón e Pérez Igrexas cos técnicos deste servizo para a poboación da cidade olívica a na súa área metropolitana

A portavoz nacional fai un chamamento a participar na manifestación do 9 de febreiro en defensa da sanidade pública

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai levar ao Parlamento o recorte de seis ambulancias no servizo de transporte sanitario e asistencia extra hospitalaria na área de Vigo, para instar ao Goberno de Feixóo a unha rectificación inmediata posto que se trata dun servizo de sanitario básico no que cada minuto conta e o tempo pode marcar a diferencia para a persoa doente.

Así o anunciou a líder nacionalista tras o encontro mantido en Vigo con representantes dos técnicos que traballan neste servizo, encontro no que tamén participou o portavoz municipal, Xavier Pérez Igrexas, e no que se abordou os recortes no transporte sanitario despois de que as empresas encargadas da prestación reclamasen máis recursos ao Goberno galego e este replicase, segundo denunciaron os traballadores, suxerindo que a vía para manter os beneficios era recortar.

“É inadmisible o recorte de seis ambulancias para un servizo tan sensible como o traslado de pacientes programados porque iso supón un incremento dos tempos de espera”, explicou Pontón, ao que se suma o feito de os traslados afectan a persoas con doenzas graves ou cun delicado estado de saúde que, ante o recorte de medios, se ven sometidas a rutas máis longas nos desprazamentos para recibir o tratamento e a esperas máis prolongadas.

A portavoz nacional indicou que estamos ante un novo exemplo de como o Goberno do PP volve poñer os intereses das empresas por riba da atención sanitaria. “Feixóo ten dar explicacións e ten que rectificar porque estamos ante un evidente incumprimento nas condicións de prestación deste servizo”, recalcou.

Non foi esta a única cuestión denunciada polos traballadores, que agradeceron o compromiso do Bloque para buscar solucións a un servizo sanitario básico que se presta sempre en réxime de concesión por parte de empresas privadas.

Dentro deste servizo de transporte está o servizo urxente a través do 061, -que arrastra unha sobre demanda do 20% sen que iso se teña traducido en máis medios técnicos e humanos-, o transporte programado de persoas doentes ou a prestación de servizo de transporte sanitario para eventos concretos, como foi o caso da campaña do Nadal na cidade.

Neste caso concreto, os traballadores denuncian que o servizo foi contratado polo Concello por unha contía moi por debaixo do custe real, sen persoal médico nas UCIs, con ambulancias básica e non de soporte vital e botando man de persoal en prácticas en horario nocturno vulnerando a legalidade laboral.

En resume, os representantes dos traballadores deste servizo de transporte sanitario trasladaron ao BNG que a poboación de Vigo e área metropolitana soporta un 061 saturado, un déficit de medios que se suple impoñendo longas esperas ás persoas usuarias ou con empresas que non prestan o servizo acaído, ao que se suma, un  transporte sanitario programado que obriga aos doentes a rutas e esperas moi longas.

Este déficit nas ambulancias tamén afecta na xestión de camas, pois mentres non poden ser trasladados aos domicilios, estas non poden ser liberadas saturando os corredores dos hospitais.

061 saturado en Vigo

“O servizo de transporte sanitario é esencial porque o tempo conta e cada minuto pode ser a diferencia entre a vida ou a morte”, alegou Pontón, tras lembrar o tráxico suceso dunha persoa falecida fai apenas dous meses en Dozón mentres esperaba a chegada da ambulancia que estaba atendendo outra urxencia.

Neste sentido, o BNG tamén demanda da Xunta que incremente os medios para o 061, cando menos para afrontar ese déficit do 20% que arrastra o servizo de urxencias en Vigo e súa área, onde chove sobre mollado en materia de recortes e privatizacións. “Esta cidade coñece moi ben a estratexia de privatización do PP que paga a veciñanza”, recalcou a dirixente nacionalista.

Banco de probas da privatización

Pontón considera “vital” ter un sistema público que garanta o dereito á saúde que a década de recortes de Feixóo “está poñendo en risco”. Por iso, o Bloque seguirá defendendo a sanidade pública tanto no Parlamento como na rúa, polo que fixo un chamamento a participar de xeito masivo na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 9 de febreiro en Santiago.

Pola súa parte, Pérez Igrexas denunciou que o PP converteu Vigo “nun banco de probas da súa política de recortes e privatización da sanidade, case a zona cero da desfeita sanitaria de Feixóo”.

O portavoz municipal destacou que o BNG denunciou que o Concello vigués non estaba a dar resposta en relación á empresa privada que presta servizos ao concello sen cumprir as súas obrigas, nin atender os parámetros esixidos, como é o caso concreto da empresa que ten prestado os servizos de emerxencia da campaña do Nadal”. O portavoz municipal está a espera da resposta do grupo de goberno.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG