Parlamento Galego

O BNG demanda que a Xunta contraste os medios para evitar contaminacións mariñas, logo da vertedura na ría de Arousa

Rosana Pérez
Rosana Pérez
A deputada Rosana Pérez reclama unha investigación do Goberno galego sobre a orixe e consecuencias do vertido deste martes 13 de outubro

O BNG acaba de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar que a Xunta contraste os medios existentes para combater calquera risco de contaminación mariña, logo da última vertedura rexistrada na ría de Arousa este pasado martes, 13 de outubro, sobre a que o Bloque tamén pide unha investigación do Goberno galego.

Segundo argumenta a deputada Rosana Pérez, o acontecido este martes non é un caso illado e con el faise evidente que a contaminación na ría segue a ser unha materia pendente de solucionar por parte das distintas Administracións que, en moitas ocasións, realizan investimentos multimillonarios neste ámbito de actuación que despois non se manteñen axeitadamente ou non son obxecto da vixilancia e inspección que precisan.   

Neste sentido, lembra tamén que o plan territorial de continxencias por contaminación marítima (Plan Camgal) demanda dende 2017 dos concellos plans locais que inclúan a sinalización de riscos, as zonas vulnerábeis e os medios necesarios diante de verteduras contaminantes ou tóxicas e cómpre saber se os distintos municipios da ría dispoñen deles.  

De igual xeito, nas distintas iniciativas tamén se insta ao Goberno galego a realizar unha investigación propia sobre o vertido deste martes 13 de outubro, co obxectivo de determinar a súa orixe e consecuencias para os recursos naturais dunha área extremadamente sensíbel dende o punto de vista produtivo e medioambiental. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG