O BNG demanda un verdadeiro plan de transporte por estrada dialogado cos concellos e conforme ás necesidades da Galiza do século XXI

Pide a ampliar o prazo de exposición pública para alegacións, que remata o 23 de agosto

Ante a finalización do prazo  para a presentación de alegacións aos 28 anteproxectos de contratos que agrupan un total de 1.206 liñas de bus, na súa maior parte nas provincias de Coruña e Pontevedra,  o BNG pide “ampliar o prazo e demanda un verdadeiro plan de transporte por Estrada, dialogado cos concellos e confome ás necesidades da Galiza do século XXI.”

O deputado do BNG, Luís Bará critica que “os anteproxectos son resultado dun deficiente traballo de campo, conteñen  numerosos erros e carencias, como se está a demostrar nas alegacións presentadas ou anunciadas polos concellos afectados”.

Entre os erros máis salientábeis, explica Bará  está o establecemento de paradas inexistentes e  creación de itinerarios imposíbeis polos que non pode accederun autobús por tratarse de direccións prohibidas ou zonas peonís. Para o nacionalista, esta circunstancia pon de manifesto un xeito de proceder  que cualifica de “apresurado e chapuceiro e un deficiente traballo de campo por parte das empresas contratadas pola Xunta de Galiza”.

Por outra parte,  as carencias, demostran o continuismo da actual proposta, que na maior parte dos casos, limítase a reagrupar liñas  existentes e  unificar o transporte escolar e as liñas regulares co  obxecto de reducir custos.

Para o BNG, resalta Bará, “os anteproxectos carecen dunha análise polo miúdo das necesidades de cada área e dun proceso de participación e diálogo con todos os axentes sociais e institucionais implicados, principalmente cos concellos”.

Por outra parte, engade o portavoz de infraestruturas do BNG, os  sindicatos e  asociacións de empresas denunciaron  as carencias dos estudos económico-financeiros dos novos contratos, que non permitirían asumir a subrogación de persoal e as cláusulas sociais asinadas pola Xunta e  centrais sindicais.

Macrocontratos que favorecen as grandes empresas e prexudican as pequenas empresas locais e comarcais

O BNG considera que a agrupación das concesións en grandes contratos busca favorecer os intereses das grandes empresas con  capacidade para asumir os novos servizos e os investimentos necesarios en novos vehículos. En realidade, estamos ante “un plan para eliminar” ás  pequenas empresas de ámbito comarcal, que actualmente ofrecen moitos máis servizos ademais dos do transporte regular.

Por un novo modelo de mobilidade para o século XXI

O problema de fondo, a xuízo do nacionalista, está relacionado coa concepción mesma do plan, “moi pouco ambicioso, que non ten en conta a realidade actual do país nin a necesaria coordinación e interdependencia entre diferentes modalidades de transporte, como por exemplo a intermodalidade bus-tren”. Non se trata, remarca Bará de construír só estacións de tren e bus comunicadas, é necesario establecer servizos de tren e autobús interconectados e con billete compartido. Máis para isto habería que dar un paso previo: “a transferencia a Galiza das competencias en materia de ferrocarril e  creación do servizo de tren de cercanías”

O BNG reclama  actuar en dous ámbitos complementarios: Por unha banda, aprobar  unha Estratexia e unha Lei de mobilidade sustentábel, saudábel e segura que inclúa todas as formas de mobilidade e que potencie as conexións ferroviarias de cercanías e a intermodalidade e elaborar un verdadeiro plan de transporte público por estrada para o século XXI que sexa froito dun amplo proceso de participación con todos os axentes, e nomeadamente cos concellos.

“O novo  plan debe priorizar  as especificidades das zonas rurais, urbanas e rururbanas, as conexións aos grandes equipamentos públicos (hospitais, Universidade, edificios administrativos), a comunicación cos parques empresariais e cos aeroportos. E ademais estudar solucións específicas mediante transporte, á demanda para áreas de poboación dispersa”, manifesta o parlamentario do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG