O BNG demanda responsabilidades políticas ao goberno tras a sentenza polo falecemento dos brigadistas

Mini e Noa Presas
Mini e Noa Presas

Rivas denuncia que en plena onda de calor e co verán ás portas a Xunta non ten aprobado o plan de prevención e extinción de  incendios (Pladiga)

Advirte das tráxicas consecuencias da privatización, precarización e descoordinación do operativo antilumes

O BNG considera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) obriga ao Goberno galego a asumir responsabilidades políticas, porque deixa en evidencia que a descoordinación do operativo de extinción de lumes tivo un peso determinante no fatal desenlace que custou a vida a dous brigadistas no Concello de Fornelos de Montes en agosto de 2010.

A formación nacionalista transmite todo o seu apoio e pesar ás familias dos falecidos, obrigadas a pasar por un periplo xudicial para aclarar os feitos daquela tráxica xornada, e pensa que, entre as contribucións obrigadas, está adoptar todas as medidas necesarias para que non volvan producirse novas perdas de vidas humanas na loita contra o lume.

Desde o Bloque, o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, fai fincapé “na privatización e precarización crecentes do sistema de extinción de lumes que, unidas a descoordinación que se denuncia na sentenza do alto tribunal, poden ter consecuencias tan dramáticas como as que vimos en Fornelos de Montes”. Neste sentido, o deputado nacionalista preguntábase “que máis ten que pasar para que o Goberno de Feijóo tome nota e mude de xeito radical a súa política para combater o lume”.

De feito, Rivas salientou que a menos dunha semana de que empece o verán e no medio dunha onda de calor, o Goberno da Xunta aínda non ten aprobado o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA). “É evidente que os lumes apáganse no inverno, pero xa nos parece un disparate total que a suposta ferramenta estrela da Xunta aínda non estea operativo”, criticou Rivas.

Ademais, Rivas denuncia que non se está a cumprir a normativa en canto ás franxas de seguridade previstas para protexer as vivendas e as infraestruturas, “falta unha prevención real e digna de tal nome por parte da Xunta”.

Para o BNG “o mellor antídoto para loitar eficazmente contra os incendios é ter o monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais, lamentablemente as políticas da Xunta camiñan en dirección contraria potenciando o monocultivo de especies que son altamente incendiarias e desaproveitando a inmensa riqueza do noso monte, clave para ter un medio rural vivo e libre de lumes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG