Imprimir

O BNG demanda da Xunta que remate dunha vez a parcelaria das parroquias de Villestro e Figueiras

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 28 de febreiro de 2019

Mini Rivas
Mini Rivas

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta que remate o proceso de concentración parcelaria nas parroquias compostelás de Santa María de Villestro e de Figueiras, -85% superficie forestal e 15% superficie agrícola-, que leva 27 anos inconcluso.

“Estamos a falar dunha zona de alta sinistralidade de incendios dentro da área metropolitana de Santiago, visible no camiño de Santiago, na que hai que combater o efecto do lume e acabar cun proceso que se inicio fai moito tempo. Van facer algo?”, interpelaba Rivas na Comisión parlamentaria de Agricultura.

“Os propietarios e as propietarias destes terreos agardan polo remate para poder cultivar, producir e reiniciar as actividades ligadas ao monte, xa que a provisionalidade que se abre con estes procesos limita a explotación e, sobre todo, polo feito de que moitas parcelas quedan descoidadas enchéndose de maleza e poden ser atacadas polos incendios, ademais de perder parte da capacidade produtiva”, argumentou Rivas.

Pese ás case tres décadas desde o inicio do proceso da parcelaria, o PP só secundou instar ao Goberno galego para que se comprometa a finalizar a concentración en ambas parroquias antes do fin desta lexislatura.

O grupo popular rexeitou a proposta nacionalista de que se aproveitase a parcelaria para facer unha reserva de espazo a cargo das masas comúns e das parcelas non reclamadas para a construción do periférico norte, así como para futuras ampliacións da rede viaria.

A superficie afectada en ambas parroquias corresponde a 1.219 propietarios e propietarias, distribuídas en 14.072 parcelas nunha superficie total de 1.523 hectáreas.  Moitas destas parcelas son de dimensións reducidas e non ofrecen rendibilidade económica ás persoas titulares por carecer dunha superficie mínima, outro motivo máis para urxir o remate do proceso iniciado en 1991.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-demanda-da-xunta-remate-dunha-vez-parcelaria-das-parroquias-villestro-figueiras/20190228195257023897.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr