O BNG demanda blindar o sistema público de pensións e subir as prestacións non contributivas

Ana Pontón
Ana Pontón

Propón os 65 como idade de xubilación, utilizar os 15 mellores anos da vida laboral para calcular a contía da pensión e xestionar a Seguridade Social

Pontón denuncia que Galiza ten as segunda pensións máis baixas e cada persoa xubilada perde 2.145 € ao ano en relación á media estatal

O BNG demanda blindar o sistema público de pensións porque, a diferencia do discurso interesado do PP e da banca, é viable e o único capaz de garantir unha pensión digna tras unha vida de traballo, de garantir a solidariedade interxeracional e de garantir o reparto da riqueza. En definitiva, o único que permite “ter un mínimo de xustiza social”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para iso, e ante o enésimo debate sobre o futuro do sistema público de pensións, o Bloque pon sobre a mesa unha batería de propostas. En primeiro lugar, reclamar para Galiza a xestión da Seguridade Social, como xa contempla o Estatuto de autonomía, e demandar que as empresas, todas e cada unha, con centro de traballo en Galiza paguen os impostos e as cotización sociais aquí.

“Ademais de axudar a combater a fraude, daría unha foto máis real da situación da aportación ao sistema e permitiría unha xestión de proximidade máis eficaz, porque hoxe hai moitas empresas que non cotizan aquí e que mesmo os seus traballadores e traballadoras non aparecen como cotizantes aquí”, salientou Pontón. A formación nacionalista propón tamén recuperar a idade de xubilación aos 65 anos e replica a ministra Fátima Báñez coa proposta de que o cómputo da pensión se realice en base aos 15 mellores anos da vida profesional dos e das traballadoras.

Igualmente, o Bloque reclama limitar as xubilacións anticipadas, -“porque están a ser utilizadas polas empresas como un mecanismo de regulación de emprego”-, e propón incrementar as pensións non contributivas que en Galiza afectan a 40.000 persoas cunha prestación tan baixa que as coloca en risco de exclusión social, cunha contía media de 377 euros. “É unha realidade social que hai que atender con urxencia”, expuxo a dirixente nacionalista.

Para iso, o BNG propón como medida subir en 100€ mensuais a aportación galega a este tipo de prestación, “algo perfectamente posible porque supón incrementar en 40 millóns de euros o fondo de pensións non contributivas”.

Fontes de financiamento

A formación nacionalista pecha o seu paquete de medidas propoñendo “clarificar” as fontes de financiamento do sistema público de pensións, en particular “o financiamento procedente das rendas do capital”, en relación ás grandes empresas e á banca con grandes beneficios e propón que, se os ingresos vía cotizacións non son suficientes, se utilicen os orzamentos públicos para garantir o sistema.

892,18 versus 1.071€

Pontón chamou a atención sobre o feito de que Galiza ten as segundas pensións máis baixas de todo o Estado, con 892,18€ ao mes fronte aos 1.071€ da medida estatal. “Isto significa que cada persoa pensionista galega perde 2.145 euros ao ano, unha cantidade astronómica para os maiores e para moitas familias que teñen nas pensións a súa única fonte de ingresos, unha realidade social do noso país que é un logro máis da política social de Feijóo”, denunciou.

O diferencial entre os e as pensionistas galegas cos do resto do Estado non fixo senón aumentar nos últimos anos, un 15% desde a chegada de Feijóo á Xunta en 2009, e para corrixir esta situación o BNG propón “un sistema público de pensións galego, solidario e con suficiencia financeira” porque é a única maneira de garantir “unha pensión digna tras unha vida enteira de traballo”, concluíu Pontón, quen tamén fixo fincapé na necesidade de favorecer a creación de emprego de calidade como mellor vía para garantir ingresos que paguen as pensións.

“Un plan de emprego extraordinario para crear postos de traballo de calidade apostando por reactivar os sectores produtivos e por potenciar a I+D+i”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG