Parlamento Galego

O BNG defendeu no Parlamento modificar a Lei electoral para evitar mocións de censura apoiadas por políticos tránsfugas

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Tabarés denuncia contra que as mocións contra o Bloque en Viana do Bolo e Castrelo de Miño van contra os intereses da veciñanza e só responden “as ansias do PP de acumular poder”

O BNG defendeu na Comisión de Xustiza e Institucional a necesidade dunha reforma da Lei electoral (LOREG) para, entre outras cuestións, limitar a posibilidade de presentación de mocións de censura pactadas con representantes municipais inmersos en procesos de transfuguismo, ao tempo que solicitaba unha condena por parte da Cámara ás mocións de censura que saíron adiante co apoio de tránsfugas, como nos casos recentes de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo polo que se lle arrebatou ao BNG o goberno en ambos municipios.

A iniciativa, defendida polo deputado por Ourense, Iago Tabarés, apelaba ao espírito do pacto antitransfuguismo asinado en 1998 polas forza políticas con representación no Parlamento galego, pero ambos puntos da proposta foron vetados polo PP. Tabarés lamentou ter que estrearse na XI Lexislatura cunha proposición non de lei “que vai sobre principios de ética política elemental” tendo en conta que o voto é “o patrimonio democrático da cidadanía e traizoar ese voto cunha moción apoiada en tránsfugas é unha estafa democrática”, alegou.

O acordo antitransfuguismo asinado en 1998 e ampliado en dúas ocasión (2000 e 2006) está baseado en principios democráticos básicos cuxa transgresión era considerada polas forzas que o ratificaron como un feito gravemente lesivo para os intereses da cidadanía e para o propio funcionamento da democracia.

No caso de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo, -exemplos de pactos con tránsfugas-, ambos municipios tiñan gobernos locais liderados polo BNG “que executaban políticas transformadoras de avance e de cohesión social”, indicou Tabarés, “pero ao PP só lle importa sumar cotas de poder aínda que sexa pasando por riba do interese da veciñanza e, de novo, a saga Baltar aproveita as feblezas humanas para quebrar principios democráticos a través do procedemento que o PP usa en Ourense que é habitual e ben coñecido”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG