O BNG defendeu no Parlamento Galego unha saída política ao proceso de Catalunya e a retirada do 155

Luís Bará (Memoria histórica)
Luís Bará (Memoria histórica)

O BNG trasladou ao Parlamento a situación política en Cataluña así como a incapacidade do Goberno central para acordar solucións políticas a un conflito político, a diferenza do acontecido entre o Canadá co Quebec, o Reino Unido con Escocia ou o vindeiro ano Dinamarca coas Illas Feroe.

“Por contra, o Estado español négase a asumir o seu carácter plurinacional e a actuar en consecuencia”, indicou o deputado Luís Bará, quen denunciou a “involución democrática” coa que se respondeu “ao lexítimo dereito dos pobos a decidir libre e democraticamente o seu futuro”. O exercicio dese dereito, internacionalmente recoñecido, argumentou, “non debe entenderse contra ninguén, senón como un elemento positivo e democratizador”.

Evidencias desa involución: as forzas de seguridade perseguindo urnas, requisando propaganda,  entrando en imprentas, medios de comunicación ou sedes de partidos sen orde xudicial; imputación de 750 alcaldes e alcaldesas, rexistro de sedes da Generalitat e a detención de responsables políticos e traballadores públicos así como sancións económicas, inhabilitacións e persecución de responsábeis políticos.

“Estamos ante unha clara vulneración da separación de poderes e ante unha instrumentalización partidaria da xustiza e dos corpos e forzas de seguridade do estado que culminou coa aplicación do artigo 155 para suspender a autonomía de Cataluña, un auténtico golpe de estado contra a democracia”, denunciou Bará.

Para o Bloque, a aplicación do 155 “é un profundo erro político e a constatación do carácter autoritario do Estado español, da súa nula intención de buscar unha solución democrática e pactada que tome como base a vontade maioritaria do pobo catalán”.  

Para moitos xuristas, o tipo de aplicación do artigo 155 é claramente ilegal, pero mais alá do debate xurídico, “é unha aberración en termos democráticos e unha mostra da involución, que nos afecta a todos e todas e que non vai rematar aquí”. Por contra, todo apunta, advertiu Bará, que o PP “buscará a redución artificial da representatividade das forzas nacionalistas de Cataluña, Euskadi e Galiza até o punto de propor serias restricións electorais e mesmo a súa ilegalización”.

Neste contexto, o BNG demandou no Parlamento “manifestar o rexeitamento á criminalización e xudicialización, así como o recorte de dereitos e liberdades, que está a levar adiante o goberno español diante dun conflito político” e, ao mesmo tempo, instar ao Goberno central á suspensión da aplicación do artigo 155 para aceptar un proceso de mediación internacional “para buscar unha saída a este conflito, democrática, pacífica e baseada na vontade do pobo catalán”.

A PNL tamén insta ao goberno español a asumir o dereito á autodeterminación, recoñecer o carácter nacional de Galiza, Euskadi e Cataluña, e apoiar ás persoas responsábeis políticas, traballadoras públicas ou integrantes de movementos sociais que están sendo investigadas e encadeadas por promover o exercicio do dereito a decidir.

Finalmente, a iniciativa do Bloque pedía remarcar a defensa do autogoberno e a capacidade política e de exercicio de goberno e reclamar que se respecte a lexitimidade popular reflectida nos acordos destas institucións democraticamente electas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG