Imprimir

O BNG defende que é necesario continuar coas medidas de confinamento para reverter a crise do coronavirus

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 25 de marzo de 2020

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado Néstor Rego destaca que non serve de nada retirar as competencias a quen ten máis coñecemento do territorio e das súas características.

O BNG ve de negativamente que o Goberno central optase por axilizar os ERTEs en vez de que a opción fose a de manter o emprego, como fixeron outros países europeos.

Rego ve lóxico que neste contexto se eliminen os obxectivos de déficit e os limites de gasto por parte das administracións públicas.

O Bloque Nacionalista Galego, diante da proposta de prórroga do Estado de Alarma por parte do Goberno central, presentou propostas de modificación para garantir que se paraliza toda a actividade produtiva non esencial para non combater o COVID19 e para que a sociedade continúe funcionando. O deputado Néstor Rego salienta que “isto é un obxectivo básico para romper a cadea de contaxio que se produce fundamental en centros de traballos masificados e sen as medidas de protección adecuadas”. Dende o BNG tamén se pide que se fechen os principais focos de contaxio e que se blinden as zonas menos afectadas como Galiza, cortando todas as comunicacións tanto terrestres, como marítimas e aéreas que non sexan imprescindíbeis. “Desa maneira estaremos evitando a expansión do contaxio por todo o territorio do Estado español” afirma o deputado nacionalista e sinala que “é unha recomendación de toda a comunidade científica, é unha recomendación da OMS que infelizmente non se quixo aplicar no Estado español e que haberá que aplicar se queremos mudar a tendencia.”

Néstor Rego destaca que “non serve de nada retirar as competencias a quen ten máis coñecemento do territorio e das súas características, así como dos medios que hai que pór a disposición de todo este operativo” e critica a posición que está a tomar Núñez Feixóo ao non asumir as súas responsabilidades como presidente da Xunta e “en escudarse en quen ten que tomar decisión é o Goberno central porque a prioridade neste momento é o de salvar vidas, por tanto é unha obriga actuar para logralo, especialmente por parte de quen ten a responsabilidade de gobernar”.

O BNG defende que todas as medidas de confinamento continúan a ser necesarias e esperan que o Goberno central acepte as propostas presentadas polos nacionalistas, pois como afirmaba Rego “estas medidas son necesarias implementalas para conseguir mudar a tendencia e achatar a curva” e mostrou a súa vontade de votar a favor de prorrogar o Estado de Alarma.

No referente ás medidas económicas presentadas no decreto de 17 marzo, o BNG critica que son claramente insuficientes e inxustas, entre esas medidas atópase a distribución dos 300 millóns do fondo social extraordinario cuns criterios que prexudican gravemente a Galiza, onde a poboación pesa 90% e a dispersión 1,3 ou a poboación dependente, especificamente maiores de 65 anos, só 2,3. “Nun país, como Galiza, cun hábitat disperso e especialmente se do que se trata é atender aos sectores máis críticos e vulnerables neste momento, este criterio de reparto é claramente lesivo”. Néstor Rego critica que “son estes criterios os que predominan habitualmente cando se trata do reparto de fondos por parte do Estado e por tanto de maneira permanente estase prexudicando o noso país”.

O BNG ve de negativamente que o Goberno central optase por axilizar os ERTEs en vez de que a opción fose a de manter o emprego, como fixeron outros países europeos, como foi no caso de Italia onde se prohibiron os despedimentos por razóns económicas. O BNG non ve xusto que entre estas medidas non estea a condonación dos prazos de tres ou catro meses das hipotecas que se poderían facer con cargo ao fondo do rescate bancario que non foi recuperado. Rego afirma que “é de xustiza que eses recursos que eran públicos revertan dunha vez por todas no público, especialmente momento de gran necesidade”. O deputado nacionalista defende un maior apoio aos autónomos que están a padecer esta crise orixinada polo coronavirus, un apoio que se reflexe con máis axudas e co pagamento dos alugueiros, provocando unha moratoria e axudas para aquelas persoas e negocios que tiveron que fechar neste momento para axudar a pagar servizos esenciais que non poden ser cortados como auga, luz e gas.

Néstor Rego ve lóxico que neste contexto se eliminen os obxectivos de déficit e os limites de gasto por parte das administracións públicas, mesmo revertendo a reforma que se fixo do artigo 135 da Constitución española, porque neste contexto o necesario é un plan de choque para garantir que non son unha vez máis os traballadores e traballadoras as que paguen as consecuencias desta crise. Por todas estas razóns, leva a que neste punto o BNG non vaia aprobar as medidas económicas propostas por este Goberno e se vaia abster.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-defende-necesario-continuar-coas-medidas-confinamento-reverter-crise-do-coronavirus/20200325151940026810.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr