Congreso

O BNG defende que a Galiza teña capacidade de decidir para poder impulsar o desenvolvemento económico das súas potencialidades

Néstor Rego
Néstor Rego

Suxeriu na Comisión de Reconstrución Social e Económica do Congreso unha proposta para crear un grupo de traballo que abordase as mudanzas políticas necesarias para garantir a eficacia das medidas de carácter social e económico. A proposta foi rexeitada cos votos de todas as forzas políticas estatais.

Néstor Rego presentou tamén unha proposta de comparecencias con referentes en diversos ámbitos para explicar a situación social e económica da Galiza.

Na primeira reunión da Comisión para a Reconstrución Social e Económica, en que foi debatido o plan de traballo, a definición de ámbitos de debate e a constitución de grupos de traballo, o BNG propuxo acrecentar aos xa previstos (Sanidade e saúde pública, Reactivación económica, Políticas sociais e sistema de cuidados e Unión Europea) un novo ámbito de debate e grupo de traballo de nominado Cambio político co obxectivo de abordar as mudanzas políticas necesarias para garantir a eficacia das medidas de carácter social e económico.

Entre as propostas de avanzou o deputado Néstor Rego está recoñecer os dereitos das nacionalidades históricas e a súa capacidade para decidir o desenvolvemento das súas políticas económicas”. Tamén blindar os servizos públicos, “especialmente a sanidade, e a prioridade das políticas sociais".

Rego defendeu que, no caso de países como a Galiza, con unhas características sociais e económicas diferenciadas, medidas de carácter xeral -se van na boa dirección- poden ter un efecto positivo, mais sempre serán insuficientes se a Galiza continúa sen ter capacidade plena para decidir sobre os seus asuntos e, por tanto, para mobilizar os seus recursos de modo que poida promover un desenvolvemento autocentrado sobre a base das inmensas potencialidades que posúe.

O deputado do BNG salientou que é necesario que Galiza poda controlar os seus recursos naturais, produtivos e económicos, especialmente na recadación de impostos “a través dunha Facenda propia, para acabar coa drenaxe permanente de recursos pola vía fiscal, o que non é posíbel co actual sistema de financiamento autonómico”, polo que defendeu a necesidade de producir cambios políticos na estrutura do Estado español, que pasan por “recoñecer os dereitos das nacións e a súa capacidade para decidir de forma soberana sobre os seus asuntos".

Néstor Rego lembrou que mesmo para verificar propostas como a blindaxe de servizos públicos -especialmente a sanidade- ou reverter a reforma do artigo 135 da Constitución española para dar prioridade ás políticas sociais fronte á débeda e os intereses da banca, son necesarias mudanzas políticas que é preciso abordar.

A proposta do BNG foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, Unidas Podemos, Vox, Partido Popular e Ciudadanos. Rego salientou a coincidencia das forzas que integran o Goberno coa dereita e extrema dereita para rexeitar unha proposta sensata, plenamente xustificada para a eficacia dos obxectivos que a Comisión di perseguir e, ademais "redactada en termos que teoricamente poderían ser asumidos por calquera que se diga federalista".

Comparecencias propostas polo BNG para a Comisión de Reconstrución Social e Económica

Por outra parte, co fin de facilitar á Comisión información sobre a situación económica e social da Galiza, principalmente dos ámbitos que se están vendo gravemente afectados pola crise derivada do COVID-19, o BNG presentou unha proposta de comparecencias de referentes sociais da Galiza en diferentes campos relacionados cos ámbitos de traballo definidos.

A proposta do BNG intégrana Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG -primeira central sindical da Galiza-; Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra e impulsor dun modelo de cidade habitábel e saudábel recoñecido internacionalmente; María do Mar Pérez, Profesora doutora da USC e experta en desenvolvemento rural e políticas europeas; Virginia Rodríguez, Presidenta de ADEGA, organización ecoloxista con maior presenza na Galiza; María Xosé Abuín, Secretaria Nacional de CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade pública da Galiza, e María do Carmo García Negro, economista e experta en políticas pesqueiras.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG