O BNG condena o ataque de Israel a flotilla da liberdade e reclama o fin do bloqueo a Gaza

Rumbo a Gaza
Rumbo a Gaza (Foto: @rumbogaza)

A eurodeputada e coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, traslada o apoio do BNG á Coalición da Flotilla Internacional e condena o secuestro da Flotilla por parte de Israel, esixindo a liberación da tripulación e das persoas voluntarias.

Miranda dirixiuse á Alta Representante de Acción Exterior da Unión Europea para solicitar a intermediación do Goberno comunitario e que este poña fin ás relacións diplomáticas con Israel “pois non se pode negociar cun Estado pirata que secuestra, mete a menores na cadea, practica o apartheid, asasina e vulnera sistematicamente os dereitos humanos das persoas palestinas”.

O BNG lembra que a Flotilla Internacional leva a cabo unha acción de solidariedade e de denuncia do bloqueo en Gaza, sometida a un peche e boicot por Israel que provoca o desabastecemento alimentario e sanitario, xerando unhas condicións inhumanas.

“A interceptación dos barcos a poucas millas da costa de Gaza por Israel co seu posterior secuestro é unha violación do Dereito internacional, pois é un barco de pavillón europeo con misión humanitaria. O Goberno español e a UE deben presionar para a liberación destas persoas, a devolución do barco e a non repetición dun feito de pirataría internacional que se ven repetindo dende que navegou a Flotilla Internacional pola Liberdade, con asasinatos incluídos”, lembra a eurodeputada.

A propia Miranda formou parte desta flotilla en 2015, cando tamén foi secuestrada e deportada por Israel. O BNG critica a “compracencia  da comunidade internacional” ante a ante o acoso sistemático de Israel ao pobo palestino.

 “A recente aprobación no parlamento israelí de novas medidas anexionistas e de asimilación, a política de ocupación cos asentamentos declarados ilegais pola ONU, a provocación coa capitalidade única de Xerusalén, o incumprimento da normativa internacional con presos minores de idade, o encarceramento de Ahed Tamini, a vulneración dos dereitos das presas e presos palestinos e os ataques á Marcha polo Retorno son mostras da política sionista que practica Israel”, afirma Ana Miranda.

“Trasladamos o noso apoio solidario dende Galiza a estas persoas valentes que se xogan a vida para denunciar un bloqueo inxusto, para denunciar o apartheid e a ocupación de Israel e para esixir a fin do bloqueo en Gaza e a liberación do pobo palestino, e pedimos que se condene a Israel por este acto de pirataría internacional” recalcou a eurodeputada nacionalista.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG