Galegas 2020

O BNG comprométese a poñer fin a discriminación do rural e vixiar o bo uso dos fondos europeos desde o goberno galego

Berres (A Estrada)
Berres (A Estrada)
Ana Miranda visitou A Estrada e Caldas de Reis para coñecer os problemas da fenda dixital e de contaminación do río Ulla

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que rematar coa discriminación do rural galego é un dos compromisos do BNG de cara ás eleccións do 12 de xullo. “Se Ana Pontón é presidenta tras as eleccións galegas investirá os fondos europeos tanto para solucionar os problemas que ten a veciñanza cos servizos de telefonía, internet e subministro eléctrico, pero tamén para que os ríos e as rías galegas teñan augas limpas”, salienta.

Na primeira parte da xornada, Ana Miranda reuniuse co candidato do Bloque ás galegas, Pablo Carracedo (Jasper), a concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba e militantes da zona, así como con veciñanza afectada pola fenda dixital. No encontro as persoas afectadas explicaron a situación deficitaria que impide que algunhas persoas poidan establecerse alí e emprender proxectos como autónomos.

“Nesta época marcada polas consecuencias da pandemia, na que a recomendación sigue sendo o teletraballo resulta inadmisible a discriminación do rural, que en moitos casos sigue tendo a telefonía do plan Fraga”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen sinala ademais que a respecto da electricidade soportan cambios de tensión que provocan danos en aparellos eléctricos domésticos.

Precisamente o BNG presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea polo incumprimento dos obxectivos da Estratexia Europa 2020, cuxo obxectivo principal é a implantación da banda ancha. “Galiza é a segunda comunidade autónoma con menor implantación do Estado español, o que repercute na brecha dixital en numerosos fogares afectados polos efectos da crise económica causada pola pandemia”, explica Miranda.

Caldas de ReisDesleixo do PP

Na segunda parte da xornada Ana Miranda fixo un percorrido ao longo do río Umia, xunto ao concelleiro Manuel Fariña, dando continuidade ao traballo do cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luis Bará. A respecto da presenza continuada de nanobacterias contaminantes no río Umia, os nacionalistas denunciaron o “terrible o esquecemento que ten o PP durante anos pola situación medio ambiental desta comarca, que non se preocupa pola calidade das nosas augas”.

Ana Miranda lembrou que xa hai dous anos o BNG presentou unha pregunta ante a Comisión Europea sobre a contaminación do embalse do Umia, causada pola presencia da cianobacteria Microcystis. “Unha proba da ineficacia da Xunta é que sigan existindo estas bacterias, problema que o BNG vén denunciando desde hai anos”, manifestou, ao tempo que asegurou que o BNG no goberno galego “a calidade da auga será unha prioridade, cumprindo escrupulosamente a Directiva Marco da Auga”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG