O BNG aposta por unha desescalada galega pero consensuada no Parlamento

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón trasladará a Feixóo esta proposta e repróchalle que mentres o PP pide unha comisión no Congreso para pactar as medidas, en Galiza está ausente da Cámara

As medidas para paliar os efectos da pandemia teñen que estar adaptadas a realidade galega e non vir determinadas cun deseño centralista desde Madrid

O BNG aposta claramente por unha desescalada deseñada desde Galiza para saír progresivamente do confinamento e afrontar as consecuencias da crise con medidas adaptadas á realidade do país. Por contra, rexeita unha visión uniforme e centralista sen ter en conta a diversa situación dos territorios, incluso en termos epidemiolóxicos. Pero a estratexia debe ser pactada no Parlamento, posición que a portavoz nacional, Ana Pontón, vai transmitir ao presidente da Xunta no encontro que este domingo está previsto coas forzas políticas.

“Defendemos unha desescalada galega consensuada no Parlamento entre toda as forzas políticas para ter unha posición de país que nos permita loitar contra as consecuencias tremendas en termos sanitarios, económicos e sociais da pandemia” recalcou Pontón, “non queremos que as presas ou a falta de análise boten a perder o que conseguimos con tanto esforzo neste 40 días de confinamento, por iso a desescalada non se pode improvisar nunha rolda de prensa”.

O consenso, a colaboración para actuar con eficacia nesta crise sen precedentes é, para o BNG, esencial, quen denuncia a incoherencia dun PP que fai en Galiza o contrario do que reclama en Madrid.

“Non se entende que o PP propoña unha comisión no Congreso para deseñar unha desescalada, mentres que aquí Feixóo escape da sede da soberanía popular”, subliñou, tras insistir en que a posición do Bloque é clara á hora de defender unha “desescalada galega adaptada á nosa realidade e non desde unha óptica centralista”. Pero esa estratexia “ten que ser pactada no Parlamento con todas as forzas políticas porque precisamos unha posición de país para sacar adiante Galiza tras esta pandemia, unha estratexia de des-confinamento que teña en conta a nosa realidade, a nosa dispersión, como nós afectou o coronarivus e optando polas medidas que mellor se adapten ao noso contexto”.

A líder nacionalista volveu criticar a ausencia do xefe do Executivo da Cámara lexislativa: “non é de recibo que no medio desta pandemia fuxa do Parlamento e debe ter claro que non se pode gobernar Galiza desde unha pantalla de televisión, non queremos un telepresidente, queremos que haxa diálogo no Parlamento galego, que se analicen as propostas e que se pacten para sumar polo ben do País e isto é o que lle imos trasladar na reunión prevista este domingo cos partidos políticos”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG