O BNG apoia que as reclamacións polo proxecto mineiro de San Finx volvan á Comisión de Peticións

Miranda Zdanoka Evans
Miranda Zdanoka Evans
Ana Miranda reuniuse co peticionario, Joam Evans Pin, e a vicepresidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, Tatjana Zdanoka
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresou o seu respaldo a que a axenda da Comisión de Peticións de mañá inclúa novamente, a demanda do Bloque vía o grupo Verdes-ALE, a denuncia referida á explotación mineira de volframio e estaño de San Finx debido á vulneración da normativa europea que denuncia o peticionario, Joam Evans Pin, sobre a contaminación que xera. “Temos que afondar na importancia dos controles sobre o impacto ambiental destas explotacións e poñer freo aos verquidos que provocan”, salienta Ana Miranda.

A explotación da Mina da San Finx xa foi tratada na sesión da Comisión de Peticións de xullo de 2018, cando o colectivo Petón do Lobo denunciou a contaminación na ría de Noia debido aos verquidos de augas ácidas con altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc moi por riba dos niveles legais permitidos pola Directiva Marco da Auga –que establece os límites máximos de certas substancias perigosas e perigosas prioritarias nos ríos europeos-.

Desde o BNG tense denunciado en diversas ocasións que estes verquidos estanse a producir a 7 quilómetros dos bancos de marisqueo, nunha zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura. “Non se pode permitir que se poña en risco a actividade produtiva da ría de Noia da que viven tantas persoas”, subliña a portavoz do BNG en Europa.

A vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a letoa Tatjana Zdanoka, interesouse pola problemática causada por esta explotación, de forma que mantivo un encontro con Ana Miranda e Joam Evans Pin, o peticionario que mañá intervirá na Comisión para expoñer por que esta petición debe manterse aberta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG