O BNG apoia a mobilización do Fondo de Solidariedade Europeo para paliar os danos dos incendios de outubro

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada Ana Miranda lamenta que o Estado Español non solicitara o mecanismo de Protección Civil como si fixo Portugal

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou a favor esta mañá, no pleno do Parlamento Europeo, da mobilización do Fondo de Solidariedade da Unión Europea para facer fronte aos datos dos incendios que o pasado mes de outubro (en concreto entre os días 10 e 17) estragaron Galiza.

Segundo o documento aprobado hoxe, en total serán 3,2 millóns dos euros a cantidade destinada a paliar a destrución de infraestruturas públicas, vivendas, empresas e zonas forestais, cunha superficie queimada total de 49.171 hectáreas, 151 concellos atinxidos e case 100.000 persoas afectadas.

Ana Miranda manifestou que o BNG “estará atento ao control das axudas concedidas porque existen evidencias previas da mala execución de fondos na prevención dos incendios”. Asemade criticou que o Estado Español non solicitara a activación do Mecanismo de Protección Civil da Unión, “como si fixo Portugal xa no mes de outubro, inmediatamente despois da catástrofe”, puntualizou a eurodeputada nacionalista.

O informe que detalla a decisión do Parlamento e do Consello sobre a concesión destas axudas salienta, por outro lado, que a orixe desta catástrofe é, ao igual que en Portugal, de “orixe natural” e debido ás mesmas condicións meteorolóxicas: altas temperaturas, vento e humidade extremadamente baixa.

Desmontando ao PP

Ao respecto, Ana Miranda destacou que estas consideracións desmontan “definitivamente” as insinuacións do PP sobre a existencia dun complot como orixe dos lumes “para ocultar a súa propia ineficacia”. “Non solicitar o Mecanismo de Protección Civil e tentar botar a culpa a un grupo organizado, lamentablemente, non axuda a previr os incendios, que é ao que ten dedicarse o goberno galego”.

Para a eurodeputada do Bloque cómpre desenvolver unha política coordinada que teña en conta o cambio climático e a prevención de incendios e que poña en marcha unha nova política de desenvolvemento rural. O obxectivo, segundo Miranda, radica en adecuar os montes ás novas condicións climáticas mediante a diminución da plantación de eucaliptos e o incremento de carballos e outras especies autóctonas máis resistentes ao lume.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG