O BNG apoia a loita das auxiliares da Ría de Ferrol e pedirá no Parlamento a implicación de Xunta e Navantia

Noa Presas
Noa Presas

Mini Rivas e Noa Presas, deputados do BNG, mantiveron un encontro con representación sindical da CIG para abordar a situación do persoal da industria auxiliar na ría de Ferrol, despois da folga levada a cabo polo sector e do bloqueo das negociacións da mesa do naval

Os representantes sindicais trasladaron ao BNG a importancia de chegar a un acordo que supoña a recuperación e cumprimento dos acordos acadados no ano 2001, para o que sería fundamental pechar un acordo na mesa do naval constituída en Ferrol e despois trasladar ese acordo á mesa do convenio provincial para incorporalo ao texto do convenio e supoña avanzar en erradicar a precariedade dun colectivo fundamental para a industria naval e o tecido económico e social de toda a comarca de Ferrolterra.

Na xuntanza, a voceira de industria Noa Presas reiterou o apoio do BNG a estas reivindicacións e recordou que “xa pasaron moitos meses daquelas duras semanas de folga dos traballadores ás portas de Navantia e urxe un cambio de actitude por parte da empresa pública xa que até o momento baseouse en criminalizar a resposta sindical, mesmo levándoa a xuízo onde se demostrou que non estaba fundado”. Neste sentido, os deputados do BNG comprometéronse a “levar ao Parlamento galego a necesidade de que a Xunta de Galiza se implique na resolución e non se desentenda da precarización das auxiliares, para o que debe cumprir a lei do naval, e participar dos organismos de Navantia como corresponde. Demandaremos tamén de Navantia, en canto que empresa pública, unha outra actitude respeito desta problemática, e sexa proactiva na consecución de acordos que doten de seguridade xurídica ás partes e axude a estabilizar o persoal da súa industria auxiliar, sobre todo en canto a condicións salariais e de seguridade.

Os deputados concordan en que “é evidente que hai reverter a devaluación salarial que se ten producido na industria auxiliar de Navantia na ría de Ferrol, unha situación abusiva que deixa condicións escravistas en pleno século XXI, e para cuxo fin é preciso formalizar os acordos do 2001, dotalos de carácter normativo e velar polo seu cumprimento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG