Parlamento Europeo

O BNG leva a Europa a denuncia do colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” contra a precariedade laboral

Foto: Enfermeiras en Loita
Foto: Enfermeiras en Loita
Ana Miranda organiza en Bruxelas unha xornada de traballo sobre as condicións de inestabilidade laboral na profesión de enfermería

O Parlamento Europeo acollerá os vindeiros 11 e 12 de decembro unhas xornadas de traballo sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, organizadas pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda. “A situación de precariedade laboral que provoca a sucesión de contratos eventuais que fai o SERGAS é un fraude de lei que vai contra a normativa europea e deixa a moitas enfermeiras e enfermeiros galegos na inestabilidade laboral, de forma que se ven obrigadas a emigrar onde paguen un salario decente e teñan condicións de traballo dignas”, explica.

A portavoz do BNG en Europa fai referencia a recente sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 14 de setembro de 2019, que denunciou ao Estado español pola súa excesiva temporalidade na contratación pública. Segundo salienta, “este Tribunal sentenciou que a norma española que permite a utilización de nomeamentos de duración determinada sucesivos para atender a necesidades permanentes no sector da saúde é contraria ao Dereito da  Unión Europea, xa que o uso deste tipo de contratos só pode estar xustificado para atender necesidades temporais, algo que non cumpre o Goberno do PP a través do SERGAS”. 

No marco das xornadas, o colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” manterá un encontro coa vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a eurodeputada letoa Tatjana Zdanoka, a quen lle presentará a denuncia que trasladarán á Comisión para denunciar a precariedade laboral na profesión de enfermería. Consideran que esta precariedade é consecuencia de prácticas abusivas e da contratación en fraude de lei que se plasma na excesiva temporalidade e no carácter eventual dos contratos de enfermería que promove a Administración pública galega.

Encontros sobre saúde pública

O colectivo reunirase asemade coa Alianza de Saúde Pública Europea e coa Federación Europea de Asociacións de Enfermeiras para darlles a coñecer o problema existente en Galiza. Precisamente a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que no Estado español hai 5,3 profesionais de enfermería por cada 1.000 habitantes, cifra que dista do 8,8 de la media comunitaria. Estas cifras fan que sexa o cuarto Estado europeo na cola do ratio de enfermeiras por habitante, no posto 24 de 28. 

A enfermería galega presenta o terceiro peor coeficiente enfermeiro-doente do Estado español, segundo os datos de 2018 publicados polo Instituto Nacional de Estatística, xa que por cada 1.000 persoas, en Galiza hai 5,37 enfermeiras mentres que no Estado español son 6,55. No caso galego, a situación vese agravada dado o envellecemento da poboación, a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, así como a emigración de profesionais causada pola precariedade laboral e a falla de estabilidade que afecta tamén intensamente á enfermería sendo unha das profesións con maior número de emigracións nos últimos anos na procura dun traballo e un salario decentes. 

Recomendacións europeas

“A Unión Europea ten recomendado varias veces ao Estado Membro reducir a temporalidade dos contratos”, salienta a portavoz do BNG en Europa, en referencia ao Informe específico semestral del Semestre Europeo 2019 que aconsella unha transición a contratos indefinidos. Estas recomendacións europeas específicas por Estado, publicadas o 5 de xuño de 2019, insisten en acelerar a convocatoria de oposicións para reducir a proporción de contratos de duración determinada no sector público, xa que Galiza non está cubrindo a taxa de reposición no sector sanitario como denuncian moitos colectivos en defensa da sanidade pública.

Ana Miranda tamén lembra que o Consello Internacional de Enfermería e a Organización Internacional do Traballo denuncian que o español é o Estado con maior porcentaxe de traballadoras e traballadores pobres, debido sobre todo á eventualidade e aos contratos breves e mal remunerados, entre os que os relacionados á enfermería están á cabeza da temporalidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG