Parlamento Galego

O BNG apela ás axudas públicas concedidas pola Xunta á empresa “Isidro 1952” para garantir a súa actividade e postos de traballo

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado alerta da “mortaldade da cría de peixe” nas piscifactorías de troitas e criadeiros de rodaballo e ollomol da empresa de produtos do mar

A deputada do BNG, Monste Prado rexistrou diversas iniciativas respondendo ao seu compromiso coas demandas dos  traballadores, na súa maioría traballadoras,  da empresa “Isidro 1952”, antiga Isidro da Cal, inmersa na negociación dun  Expediente regulador de Emprego (ERE) e un proceso concursal.

A parlamentaria apela ás axudas públicas concedidas á empresa e insta á Xunta a iniciar accións urxentes para garantir  a actividade e manter  postos de traballo. Por outra parte, a nacionalista alerta da “mortaldade de alevíns de cría de peixe” por falta de alimentación nas piscifactorías de troitas e criadeiros de rodaballo e ollomol.

A deputada destaca a importancia dunha empresa considerada emblemática no sector das industriais do mar nucleadas arredor do porto da Coruña. Unha  “firma líder durante décadas na exportación de peixe fresco, que deu no seu día o salto á elaboración de conxelados e que acometeu, a principios deste  século, un importante salto de modernidade ao abrir no  polígono do Espírito Santo no concello de Cambre unha factoría con capacidade para procesar peixe, cefalópodos, crustáceos e moluscos valorada en máis de 100 millóns de €”. A actividade desta empresa a mediados desta década, engade Prado,  recibiu un novo e  importante impulso na elaboración de produtos con alto valor engadido ao incorporar a que pasa por ser a mellor e maior liña de produción de sushi do estado español.

A empresa conta con  seis centros: fábrica de conxelado, ultraconxelado e fabricación de produtos do mar do Polígono do Espírito Santo; piscifactorías de troitas de Carballo, Baio e Louro; criadeiro de rodaballo de Lorbé; e criadeiro de ollomol de Valdoviño con  225 postos de traballo.

A pesar de  garantir a venda da totalidade da súa produción, que en determinadas anualidades chegaron a superar os 50 millóns de €, a dirección  foi “incapaz” de reducir unha débeda que supera os 70M€.

Neste contexto, explica Prado foi presentado “un ERE que afecta a 136 persoas,  modificación nas condicións salariais e laborais do resto do resto de traballadores e traballadoras e atraso no pagamento de nóminas” así como a declaración de  concurso de acredores”, esta mesma semana, a petición da titularidade da empresa.

Segundo a información facilitada polo comité de empresa, ao longo dos últimos anos, tanto Isidro de la Cal como Isidro 1952 teñen recibido importantes axudas públicas por parte da Xunta de Galiza a través de diversas liñas de axuda de distintos departamentos  podendo sobrepasar os 20 millóns de euros.

Para a deputada asegura que esta circunstancia obriga  á Xunta a mediar e poñer en marcha todas  as accións precisas para garantir a permanencia da empresa e os postos de traballo para facer  valer as axudas públicas.

Ademais, Prado reclama un plan de viabilidade real para garantir o mantemento dos 225 empregos e o futuro da actividade produtiva e garantir  o cobro de  salarios das  225 persoas empregadas, xa que teñen pendente de percibir parte da nómina de novembro e todo o soldo de decembro.

Finalmente, a nacionalista tamén exixe medidas urxentes para evitar a mortaldade de alevíns nas plantas de cría de peixe.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG