Xornada de formación contra a violencia machista

O BNG alerta do incremento da violencia machista entre a mocidade

IMG_2130
  • Xornada de traballo contra a violencia de xénero na que o Bloque propón revisar e avaliar a actual normativa para mellorar a eficacia na loita contra esta lacra
  • O BNG condena o último episodio de violencia de xéreno acontecido no noso país no día de onte en Salceda de Caselas que se saldou cunha muller gravemente ferida e o seu agresor suicidado.

O BNG advirte contra o incremento de violencia de xénero entre a xente moza que amosan diversos estudos recentes, incluídos os da Xunta de Galiza, nos que se evidencia o grado de tolerancia que a xuventude ten ante comportamentos machistas, e mesmo a valoración positiva de actitudes de control e acoso que son interpretadas como mostras de afecto.

“Con especial preocupación vemos a vixencia deste tipo de violencia na mocidade”, salientou a responsábel de Acción Feminista e deputada, Noa Presas, quen citou como estudo máis recente o das universidades de Barcelona, Girona e Rovira Virgili sobre violencia machista neste ámbito académico, onde se denuncia que “o 62% das universitarias viviron este tipo de violencia aínda que as agresións denunciadas foi só do 9%”.

IMG_2145Presas avanzou que o BNG vai reforzar a colaboración con Galiza Nova “para impulsar por todo o país accións dirixidas a concienciar á xente moza ante calquera situación de violencia machista, en particular dos micromachismos e violencias invisibles que son o primeiro paso na escalada da violencia”.

“Hai que atallar de raíz calquera síntoma ou comportamento machista, hai que combater a perigosa idea de que o control sobre as túas relacións persoais, das túas comunicacións polo móbil ou polas redes sociais, da túa maneira de vestir son unha proba de afecto, interese ou amor”, argumentou Presas, “cómpre promover e aumentar recursos para a coeducación de forma que no ensino se aborde de forma transversal a necesidade de que a xente moza identifique iso como o que é, actitudes machistas e de discriminación e control da muller que non se poden tolerar porque poden sen o principio dun camiño que, en casos extremos, termina no asasinato”.

Para o BNG a loita contra a violencia machista “é unha prioridade política”, de aí esta xornada de traballo no marco dunha campaña social e institucional “para esixir que sexa unha prioridade en todos os espazos e contribuía a que 2017 sexa un ano de novos recursos e novas actuacións para combater a violencia contra as mulleres”, salientou a deputada.

IMG_2143Presas tamén alegou que tras anos de aplicación da Lei 22/2007 para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero “é o momento de avaliar que modificacións precisa”, ademais de reclamar “máis recursos e maior implicación por parte da sociedade e das institucións”.

IMG_1990A xornada organizada polo Bloque contou coa participación da ex deputada Carme Adán “un referente no ámbito da loita contra a violencia de xénero”, e tamén se abordaron iniciativas do BNG en distintos ámbitos que resultaron exitosas á hora de concienciar contra a violencia de xénero, como a do Concello de Pontevedra no ámbito urbano con campañas como #primAcoso ou as desenvolvidas polo concello de San Sadurniño no ámbito rural. Así mesmo, tamén contaron coa participación de Rebeca Cambeiro, responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, quen explicou os obradoiros feministas que están a desenvolver polo país. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG