Imprimir

O BNG alerta da vulneración da normativa comunitaria na xestión do plan forestal galego

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 11 de Abril de 2019

grupo medio ambiente
grupo medio ambiente

Unha delegación galega expón ao gabinete do Comisario de Medio Ambiente as diferentes eivas do modelo forestal en Galiza, como a falta de participación 

Unha delegación galega, encabezada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e integrada por portavoces de plataformas medioambientais e os alcaldes de As Neves, Baños de Molgas, Rianxo e Ribadeo, mantiveron un encontro con Andrew Bianco, Xefe de Gabinete do Comisario de Medio Ambiente, e Yvon Slingenberg, Directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, así como con funcionarios das Dirección Xerais de Medio Ambiente, co obxectivo de abordar os problemas do modelo forestal galego, “en concreto da eucaliptización e o seu impacto nos incendios”.

Ao remate do encontro organizado por Ana Miranda, a eurodeputada galega salientou que ademais destes problemas, -que se concretan na contradición existente entre os datos reais da superficie de eucaliptos que existen en Galiza e os datos que manexa a Comisión-, o BNG tamén quixo presentar en Bruxelas “outras experiencias como pode ser o caso de Ribadeo, centrada no cumprimento da lei”. Asemade, a eurodeputada subliñou a necesidade de poñer enriba da mesa a falta de participación á hora de levar a cabo a xestión forestal.

“Queremos impulsar un informe detallado sobre a vulneración da normativa comunitaria a respecto da xestión do plan forestal galego”, afirmou Ana Miranda ao respecto en relación ás explicacións ofrecidas pola presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, e o Doutor Enxeñeiro de Montes, Xabier Bruña. Segundo explicou Bruña, a actual Revisión do Plan Forestal de Galicia (RPFG) presenta un grave defecto de forma ao non contemplar unha participación pública efectiva, xa que segundo establece a lei o proceso de participación social debe producirse nas diferentes etapas de elaboración e aprobación dun plan.

Pola contra, o proceso que utilizou a Xunta de Galicia, a través do Consello Forestal, semella un proceso de participación sesgado, xa que esa información pública, con inicio o 5 de xullo e remate o 5 de outubro, “non se pode considerar un proceso participativo efectivo, posto que non contempla a participación de forma activa de todas as persoas interesadas e responde a un procedemento clásico de elaboración de normas moi afastado das directivas comunitarias”.

Concellos das Neves e Baños de Molgas

“Esta reunión na Comisión é moi importante porque en Galiza atopamos o problema de que diante desta problemática non son escoitados nin os concellos, nin as organizacións ecoloxistas, nin oposición”, manifestou Ana Miranda. Precisamente desde o Concello de As Neves, o seu alcalde Xosé Manuel Rodríguez valorou positivamente o encontro na Comisión. “Trátase dun feito salientable, non porque te reciban senón porque hai unha escoita activa e hai gañas de que ocorran cousas arredor dun diagnóstico como o que plantexamos”, comentou, ao tempo que incidiu na necesidade de “volcar completamente a política forestal, facendo que sexa un espazo útil, cunha mirada sensible e construtiva hacia o territorio”.

No encontro, Rodríguez explicou as consecuencias vividas no Concello das Neves tras os incendios de 2017, que provocaron a falta de auga durante máis de dous meses en boa parte da localidade, así como a acumulación de cinzas. Criticou, asemade, a actitude da Xunta de Galiza, centrada na culpabilización dos supostos incendiarios e na súa política focalizada na extinción en lugar da prevención.

“En Baños de Molgas, non temos o problema do eucalipto, pero si do abandono e avellentamento ligado a unha estrutura da propiedade que non permite a explotación, pero que fai que sexa pasto do lume ano tras ano”, explicou o alcalde a localidade, Xaime Iglesias. Na reunión suxeriu que as políticas deberían ser transversais, “co obxectivo de frear o despoboamento e volver introducir o factor humano como forma de combater os incendios”. 

Alcaldes BNG BruxelasConcellos de Rianxo e Ribadeo

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, coincidiu en facer unha valoración positiva do encontro. “Todos fomos quen de falar desde o local coas nosas experiencias cos lumes, os eucaliptos e a reforestación e ir o global para trasladar os problemas que ten o país arredor da ausencia de plan forestal e a incidencia dos eucaliptos nas vagas de lumes”, comentou, con especial referencia aos incendios vividos recentemente en Rianxo.

Desde Ribadeo, pola súa banda, o alcalde Fernando Suárez salientou que como “novidade” o seu Concello está centrado en cumprir a lei. “Ribadeo é un dos poucos concellos galegos que está tentando cumprir a lei, nin máis nin menos, unha lei que leva doce anos en vigor, que obriga aos Concellos pero tamén á Xunta de Galiza”, salientou ao tempo que explicou que “arredor do 80% das parcelas que estaban incumprindo a Lei de Incendios de Galiza xa foron adaptadas, pero realmente nada de todo ese traballo -que foi inxente por parte do Concello de Ribadeo- non tivemos nin o primeiro apoio por parte da Xunta de Galiza, algo totalmente inxusto”.

Fernando Suárez considerou que nesta situación, “dificilmente poderemos aplicar a toda Galiza os modelos que pequenos Quixotes andamos facendo con actuacións independentes en cada Concello”. Así defendeu a implicación da Xunta de Galiza xa que ao seu xuízo a política forestal “ten que ser moito máis global, tentado regular a desorde que existe. Os eucaliptos non poden chegar ás casas nin en Ribadeo nin en ningún outro sitio”.  

Superficie de eucaliptos

Na reunión tamén participaron o Enxeñeiro de Montes e presidente do colectivo A Rente do Chan Pladever, Jesús de la Fuente, e o biólogo Martiño Nercellas. Na súa intervención explicaron que existen diferentes prognósticos sobre a situación actual, pero a diagnose do plan que agora se revisa, sitúa as masas puras de eucalipto no entorno das 310.000 ha, ás que cómpre engadir sobre 150.000 de masas mixtas con eucalipto coma especie principal. De esta forma, en Galiza existen unhas 500.000 mil ha. segundo os datos oficiais, que algúns expertos elevan ás 600.000ha, de forma que o aumento supera o 105% sobre a superficie planificada.

Por outro lado, criticaron que a nova planificación forestal para Galiza regulariza e da por boas máis de 250.000 mil hectáreas de eucalipto aumentadas dende que no ano 1992 se aprobara o Plan en vixencia, e que agora inclúe a previsión de aumentar noutras 25.000 ha. “Existe un desfase de datos que fai moi pouco fiable calquera diagnóstico actual sobre a superficie forestal real existente”, subliñaron.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-alerta-da-vulneracion-da-normativa-comunitaria-xestion-do-plan-forestal-galego/20190411210739024341.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr