O BNG alerta da perda de fondos europeos para Galiza e ve imprescindible un novo liderado contra os recortes

Luís Bará e Ana Miranda
Luís Bará e Ana Miranda

Ana Miranda critica a baixa execución dos fondos do período actual e a ausencia do goberno galego nas negociacións

Luís Bará defende a convocatoria da Deputación Permanente para debater as propostas de futuro que se leven a Bruxelas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, fixeron unha valoración da proposta dos fondos de cohesión europeos presentados polo presidente do Consello Europeo, Charles Michel, para o período 2021-2027 e que serán aprobados este xoves. “É un marco financeiro que vai marcar os próximos sete anos e queremos comentar o impacto que vai ter en Galiza a redución de fondos estruturais e de cohesión”, explicou Ana Miranda.

A portavoz do BNG en Europa fixo unha chamada de atención sobre os recortes anunciados, que poden supoñen para Galiza unha baixada de 1.275 millóns de euros, pero tamén do baixo nivel de execución dos fondos do período actual, que comprende os anos 2014-2020. Sinalou que neste período actual Galiza recibiu dos fondos FEDER 1.100 millóns de euros, dos que só hai executado un 25%; dos fondos FEADER, que se corresponde ao desenvolvemento rural, Galiza recibiu 913,6 millóns, pero a súa execución é do 50%; do Fondo Social Europeo, que afecta ao despoboamento e a dependencia, foron 322 millóns os asignados a Galiza, pero só foron gastados o 26%.

“Fondos non se executaron porque a posición da Xunta a nivel de fondos europeos é de ausencia total”, denuncia Miranda, quen cualificou os recortes propostos polo Consello de “navallada orzamentaria” que afectará de forma moi negativa a Galiza porque “partimos dunha situación de desvantaxe estrutural” agravada coa mala xestión dos fondos europeos. Así, “o BNG chama a atención da perda para Galiza de máis de 1.200 millóns de euros”, critica a portavoz nacionalista en Europa.

Novo liderado fronte ás declaracións baleiras do PP

Para o BNG é un problema non ter en conta a situación estrutural de Galiza á hora de executar os fondos asignados pero tampouco na elaboración dos programas que se leven a Bruxelas. “Van a Bruxelas, ao Comité das Rexións, a facer declaracións baleiras de contido pero sen negociar o que hai que negociar”, critica Ana Miranda, en referencia, por exemplo, sobre a situación demográfica de Galiza.

Fronte a esta situación, a portavoz do BNG en Europa sinalou que aínda existe a posibilidade de que desde o FEDER haxa o 1% máis para territorios despoboados, de forma que se poderían recibir arredor de 50 millóns máis, polo que a provincia de Ourense podería ser unha das provincias beneficiadas. “Teruel existe e Ourense e Lugo tamén”, apuntou Miranda. “Temos que esixir que eses fondos europeos sexan destinados aos territorios máis desprotexidos e en situación de desvantaxe estrutural”, engadiu, ao tempo que subliñou que “Galiza ten que liderar un cambio fronte aos recortes de Bruxelas e esixir que non se perda un só euro. Isto só pode facerse cun novo goberno galego se hai unha nova presidenta na Xunta que vaia a Bruxelas a esixir eses fondos”, engadiu.

Coitelada orzamentaria

“Explicou moi ben Ana Miranda esta coitelada orzamentaria, que non sabemos se estamos diante dunha coitelada ou unha motoserra, porque os recortes son brutais e van prexudicar enormemente as expectativas do noso país nos vindeiros anos”, salientou pola súa banda, o deputado Luís Bará a respecto das consecuencias do plan plurianual anunciado en Bruxelas.

O deputado nacionalista e membro da Comisión de Exteriores e Relacións coa UE explicou as razóns que motivan estes recortes, entre os que sinalou o cambio de prioridades dos investimentos, xa que se lle concede máis preponderancia ao gasto militar e a protección de fronteiras para cumprir o mandato de EEUU. “Pero tamén outra razón é a falta de peso político de Galiza nas cuestións que se deciden en Bruxelas e en Madrid e vemos ao presidente Feixóo con bágoas de crocodilo cando el é corresponsable desta situación desastrosa de Galiza”, indicou.

Segundo criticou Bará, o goberno do PP na Xunta é un goberno “absolutamente incompetente, incapaz e inútil para xestionar os fondos europeos, xa que estamos vendo que hai casos nos que a porcentaxe de execución non chega ao 25%”, algo que ao seu xuízo afecta aos servizos que se lle ofrecen ás persoas, como no caso da dependencia, o saneamento ou o I+D.

“Pensamos que o goberno galego ten que dar a cara e presentar as súas propostas e debater co resto dos grupos políticos sobre os desafíos para a próxima década”, destacou o deputado do Bloque. Neste sentido Luís Bará defendeu a convocatoria da Deputación Permanente para dar conta destes proxectos fundamentais para o desenvolvemento de Galiza nos vindeiros anos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG