BNG e Agora Galiza reivindican a autodeterminación de Galiza no debate sobre a estrutura do estado

Santiago de Compostela, 4 de agosto 2015.- Delegacións do Bloque Nacionalista Galego e Agora Galiza mantiveron no día de hoxe unha reunión formal en Compostela co fin de analizar a realidade política que atravesa Galiza, e de xeito máis inmediato, a posibilidade de colaboración tendo en conta a próxima convocatoria de eleccións xerais.

As dúas forzas soberanistas coinciden na necesidade de situar Galiza e o pobo galego, os seus problemas e aspiracións, como marco inequívoco de referencia. Daquela, sen subordinacións nin dependencias a estratexias ou estruturas partidarias foráneas.

Consideran Agora Galiza e BNG que o debate sobre a soberanía non é secundario nin aprazábel, senón a vía para solucionar os problemas máis perentorios da Galiza e das súas clases populares: desemprego, emigración, empobrecemento, degradación dos servizos públicos. É posíbel crear un horizonte de esperanza e dignidade para Galiza confiando nas súas propias forzas e con capacidade de libre decisión política.

A defensa do dereito de autodeterminación desde Galiza representa hoxe, ademais dunha aspiración democrática, o mellor xeito de entrar no debate xa aberto sobre os dereitos das nacións no Estado.

As dúas organizacións acordaron manter aberto un espazo de diálogo e colaboración na perspectiva da análise sobre fórmulas de concorrencia unitarias de cara ás vindeiras eleccións xerais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG